A directora xeral de Patrimonio Natural e os alcaldes da Illa de Arousa e de Ribeira mantiveron esta semana unha reunión para analizar o estado de tramitación do texto

A Xunta introduce melloras na orde que regulará os usos e actividades no Areoso para atender parte das suxestións recibidas e reforzar o seu desfrute público

Entre os cambios cómpre subliñar o aumento da cifra de visitantes, coa introdución dunha terceira quenda diaria e sen alterar polo tanto a capacidade de carga do espazo; e a incorporación de novos usos permitidos, destacando a pesca recreativa

Introdúcese unha disposición adicional para recoñecer de forma explícita a liberdade de navegación dentro do ámbito co fin de evitar posibles interpretacións erróneas

Belén do Campo explica que estes cambios obrigan a adaptar a aplicación habilitada pola Xunta para tramitar as autorizacións de acceso polo que a orde empezará a aplicarse este verán e anuncia que en Semana Santa se fará un reforzo de persoal

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia está a introducir unha serie de melloras e cambios de interese na orde pola que se regularán os usos públicos e as actividades permitidas e autorizables no arquipélago dos Guidoiros —do que forma parte o illote do Areoso— e da illa da Rúa, un instrumento que busca garantir o equilibrio entre a protección dos valores e o aproveitamento público deste espazo natural, que nos últimos anos vén rexistrando unha afluencia de visitantes crecente.

Así llo trasladou esta semana a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, aos alcaldes da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, e de Ribeira, Manuel Ruíz, —os dous concellos nos que se localiza este espazo insular— cos que se reuniu, precisamente e a petición do rexedor ribeirense, para abordar o estado de tramitación actual da referida orde reguladora.

Unha vez finalizada a fase de información pública do documento e o trámite de audiencia aos interesados, Belén do Campo trasladoulles que desde o seu departamento xa se analizaron as 375 alegacións e achegas recibidas por parte de administracións locais, autonómicas e estatais, empresas que operan na zona, sociedades de pescadores, entidades ambientais e cidadáns particulares, entre outros.

Neste sentido e co fin de enriquecer e mellorar o texto normativo, a directora xeral explicoulles aos alcaldes as principais novidades e modificacións propostas no contido da orde e que, segundo indicou, se centran nos usos e actividades permitidos e autorizables dentro do espazo integrado por este conxunto de illas e illotes.

En concreto, increméntanse en tempada alta de 100 a 150 os visitantes diarios permitidos no Areoso pero sen alterar a súa capacidade de carga. A tal fin, explicou que se introduce unha terceira quenda de visitas fronte ás dúas previstas inicialmente —do amencer ao mediodía; do mediodía ata as 16:00 horas; e das 16:00 horas ata o solpor— de forma que se reduce o tempo de estadía para incrementar a cambio as frecuencias.

As autorizacións diarias de fondeos e atraques no medio insular increméntase tamén nun 50 % tanto durante a tempada alta como na baixa.

Ademais, entre os usos e actividades permitidos incorpórase o acceso á illa da Rúa e ao illote Pedregoso fóra do período de cría (é dicir, de marzo a xuño), o mergullo recreativo e deportivo en apnea, e tamén a pesca recreativa en todo o ámbito (salvo nos 200 metros que rodean o Areoso). De igual xeito, no caso dos usos autorizables previo permiso introdúcense tamén o mergullo recreativo e deportivo en grupos e con equipos autónomos, salvo na zona balizada no illote do Areoso.

Por último, Belén do Campo tamén se referiu á introdución dunha disposición adicional na orde co fin de “recoller explicitamente”, de acordo coa normativa estatal, a liberdade de navegación en toda a lámina de auga do ámbito afectado pola regulación, co fin de evitar, segundo dixo, posibles interpretacións erróneas.

Adaptacións na nova aplicación

As modificacións introducidas sobre todo no relativo aos cupos de visitantes, fondeos e atraques, tal e como explicou a directora xeral, fan necesario adaptar a aplicación habilitada pola Consellería para que as persoas interesadas en acceder a este espazo poidan tramitar os correspondentes permisos. Por esa razón, indicou que a posta en práctica da nova regulación, unha vez se complete a tramitación da orde e sexa aprobada, está prevista para este verán.

En todo caso, do Campo trasladoulles a ambos rexedores que durante a Semana Santa e en previsión de que poida haber nesta época unha maior afluencia ao illote de Areoso, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reforzará a presenza do seu persoal na zona co fin de garantir un aproveitamento público axeitado e que a tempada discorra sen incidentes.

Neste sentido, incidiu en que todos os cambios previstos mellorarán a futura orde de usos e actividades, un instrumento que, tal e como lembrou, responde á vontade de colaboración amosada por todas as administracións e colectivos implicados co fin de impulsar a mellor regulación posible para conservar este espazo natural. Deste xeito, búscase combinar o interese turístico crecente desta zona coa protección dos notables valores e recursos naturais que concentra e que, de feito, espertan tamén un grande interese desde o punto de vista científico, cultural e medioambiental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2023