A Xunta leva a cabo en Lugo unha nova edición do ciclo Xacobeo Peregrinas coa participación de Idoia Cuesta, Silvia Jato e Carmen Lence

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou no acto que tivo lugar esta tarde na Casa do Saber

Xacobeo Peregrinas é un ciclo de conversas nas sete grandes cidades galegas levado a cabo por Turismo de Galicia en colaboración coa Fundación La Caixa

Lugo, 23 de marzo de 2023 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron hoxe nunha nova edición do ciclo Xacobeo Peregrinas, un ciclo de conversas protagonizadas por mulleres de excepcionais traxectorias en diferentes disciplinas profesionais.

A creadora Idoia Cuesta, a presentadora Silvia Jato e a CEO do grupo Leite Río, Carmen Lence, compartiron experiencias no Camiño como fío condutor do evento. Ademais de resaltar á cidade de Lugo como referente de tradición, cultura e historia, que fai desta cidade unha das máis valoradas por parte dos turistas, segundo indicou Nava Castro. 

Os referentes femininos, a súa visibilización e o papel da muller desde unha perspectiva ampla e integradora nos diferentes ámbitos da sociedade centraron boa parte deste encontro, no que a directora de Turismo de Galicia destacou tamén que a cidade de Lugo contribúe á promoción do turismo e o desenvolvemento económico sostible que se está a fomentar dende o Goberno galego. 

Mediante esta iniciativa, preténdese afrontar os dilemas e desafíos da sociedade contemporánea desde a perspectiva da diversidade e o diálogo a través dunha programación multidisciplinar capaz de unir a ciencia, a innovación, as artes, a música, o deseño, a arquitectura, o deporte, a gastronomía ou a filosofía gracias ás participantes convidadas. Xacobeo Peregrinas é un ciclo de conversas nas sete grandes cidades galegas levado a cabo por Turismo de Galicia en colaboración coa Fundación La Caixa.

Data de actualización: 23/03/2023