A directora xeral de Formación Profesional dá a coñecer aos seus homólogos doutras comunidades o potencial do Centro Galego de Innovación da FP

Eugenia Pérez visita o Centro Eduardo Barreiros, en Ourense, con representantes de Euskadi, Andalucía e Madrid, entre outros

Ourense, 23 de marzo de 2023 A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, visitou esta mañá o Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros, en Ourense, acompañada dos seus homólogos de Euskadi, Andalucía e Madrid así como de representantes desta área educativa doutras comunidades autónomas, que puideron comprobar in situ o potencial dos proxectos que están arrancando neste centro concibido como laboratorio de innovación e investigación aplicada para a transferencia de coñecemento.  

Trátase de tres proxectos centrados na economía sustentable, a fabricación mecánica e o enoturismo, que se desenvolven dentro da área de Innovación Aplicada do centro, dotada con distintas tecnoloxías relacionadas con este ámbito así como equipamento para o sistema de produción automatizado.  

Estes primeiros proxectos, exemplo da colaboración directa entre o mundo académico e o mundo empresarial, encaixan no obxectivo para o que foi concibido o Centro Galego de Innovación da FP como espazo de apoio á docencia onde se concentrará a investigación e innovación aplicada.  

Así pois, durante a visita presentouse o proxecto Economía circular no ciclo da auga, unha iniciativa de dixitalización intelixente das redes de augas co obxectivo de reducir o consumo enerxético e minimizar as perdas, que se acomete en colaboración entre os Centros Integrados de FP A Carballeira e A Farixa de Ourense, o Politécnico de Santiago e a empresa Viaqua.  

Tamén coñeceron o laboratorio de Fabricación Aditiva, o espazo de Realidade Virtual, Aumentada e Mixta e a área de formación de Alta Especialización Aplicada onde se está traballando nun proxecto para mellorar a recarga de vehículos en movemento, que pilotarán o instituto IES Politécnico de Vigo e o Centro Integrado de FP As Mercedes, de Lugo. 

A comitiva tamén visitou a área de Gastronomía Multisensorial, onde se está desenvolvendo unha iniciativa de enoturismo, que xurde do Centro de FP Carlos Oroza de Pontevedra e o instituto IES Vilamarín en colaboración co referentes empresariais do ámbito enogastronómico e vitivinícola en Galicia como o Grupo Nove, as adegas Paco y Lola, Martin Codax e Viña Costeira, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia e o Consello Regulador do Ribeiro.

Cun investimento de case 10M€ froito da colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, o Eduardo Barreiros está estruturado en catro áreas principais que son a área de Innovación aplicada (que inclúe proxectos de biotecnoloxía aplicada, fabricación aditiva, industria 5.0, enerxía e sustentabilidade...), Emprendemento industrial (como a titorización de proxectos e xestión de patentes), Comunicación estratéxica e internacionalización (visibilización de proxectos e difusión e proxección nacional e internacional) e Formación de alta especialización (coa adaptación formativa do profesorado ás novas tecnoloxías e novas realidades do mercado).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2023