A Xunta apoia o labor de UNICEF en materia humanitaria e de cooperación exterior con 1,5 M€ nos últimos anos

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes reuniuse hoxe co presidente executivo de UNICEF España

O Goberno galego está a tramitar un novo convenio coa organización internacional dotado con 50.000 euros para a promoción dos dereitos de menores en situación de emerxencia

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse hoxe co director executivo de UNICEF España, José María Vera, para abordar as liñas de colaboración da Xunta coa entidade tanto no eido da acción humanitaria e de emerxencias como de cooperación exterior.

 

Desde 2012 o Goberno galego destinou máis de 1,5 M€ a diversas actuacións de UNICEF en 16 países, especialmente dirixidas á protección da infancia. As intervencións financiadas centráronse na prevención da violencia de xénero, na mellora da nutrición e no acceso á auga potable, e na redución da incidencia de enfermidades, entre outras accións enmarcadas en contextos de emerxencias.

 

No encontro Diego Calvo recoñeceu o labor de UNICEF como principal organización internacional que traballa para promover os dereitos da infancia e conseguir cambios reais nas vidas de millóns de menores en situación de emerxencia e crise humanitaria. Sinalou que a súa presenza en 190 países susceptibles de recibir axuda humanitaria e de emerxencia, así como a súa capacidade técnica e loxística, converten esta entidade nunha peza fundamental nas políticas de cooperación exterior de todas as administracións.

 

Nesta liña, manifestou o compromiso da Xunta por seguir colaborando coa entidade a prol da mellora das condicións de vida entre a poboación máis vulnerable. Así, anunciou que, entre outras liñas de apoio, estase a tramitar xa a sinatura dun novo convenio, cunha dotación de 50.000 euros.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2023