A Xunta investirá máis de 200.000 € na instalación de tres ascensores en dous centros educativos do concello de Narón

Estes novos servizos instalaranse no CPI do Feal, onde se colocarán dous ascensores, e no CEIP A Gándara, onde o proxecto inclúe o acondicionamento dun aseo adaptado con cambiador na planta baixa

“Estes investimentos son un exemplo do compromiso da Xunta cunha educación pública de calidade que pasar pola mellora das instalacións coa fin de garantir que os escolares dispoñan duns espazos confortables, seguros e sostibles nos que desenvolver a súa aprendizaxe”, indicou a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros

A través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, no que se enmarcan estas actuacións, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ten actualmente en marcha en centros das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, obras valoradas en preto de 5 M€

Ferrol, 23 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia investirá máis de 200.000 euros en dotar de tres ascensores aos colexios CPI do Feal e CEIP A Gándara, en Narón. A delegada territorial, Martina Aneiros, avanzou que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sacará a licitación proximamente ambos proxectos que dan resposta ás demandas das Anpas e da comunidades educativa dos centros.

Segundo avanzou Aneiros, no CPI do Feal optouse pola instalación de dous ascensores eléctricos, un por cada ala das que dispón este centro. Contarán cunha capacidade para oito persoas, dando cumprimento así á normativa de accesibilidade e realizarán tres paradas, unha por planta. Estarán dotados de portas automáticas telescópicas, tanto en cabina como nas plantas e o orzamento de licitación ascenderá a 115.192,00 euros.

No caso do CEIP A Gándara, a mellora da accesibilidade no edificio resólvese coa instalación dun único ascensor que se instalará no vestíbulo e que percorrerá o inmoble en toda a súa altura, proporcionando acceso a todas as plantas. Desta forma procederase á instalación dun ascensor eléctrico sen sala de máquinas cunha velocidade de entre 0,63 y 1,00 m/s con capacidade para 8 persoas de maneira que cumpla coa normativa de accesibilidade. Disporá de tres paradas e portas automáticas telescópicas, tanto en cabina como en plantas, de aceiro inoxidable.

No mesmo proxecto, avanzou a delegada territorial, inclúese o acondicionamento dun aseo adaptado con cambiador en planta baixa para atender ás demandas do alumnado con necesidades especiais. O orzamento de licitación ascende a 85.355 euros.

 “Estes investimentos son un exemplo do compromiso da Xunta cunha educación pública de calidade que inclúe a mellora das instalacións coa fin de garantir que os escolares dispoñan duns espazos confortables, seguros e sostibles nos que desenvolver a súa aprendizaxe”, sinalou Aneiros.

Estas obras enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está modernizando os centros de ensino, converténdoos en instalacións máis eficientes, sostibles e axustadas ás necesidades educativas actuais. A través deste plan, no que entre outras actuacións se inclúe a reforma integral do CEIP Juan de Lángara e a mellora do IES Catabois, a Consellería ten actualmente en marcha traballos en centros das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal valoradas en preto de 5 M€.

Data de actualización: 23/03/2023