A Xunta apoia a posta en marcha da nova Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Dozón

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, entregaron os carnés oficiais identificativos aos once integrantes da entidade nun acto celebrado no consistorio coa presenza do alcalde, Adolfo Campos

A agrupación quedou constituída oficialmente hai seis meses e está a dar os seus primeiros pasos na atención de incidencias e a realización de operativos tras case ano e medio de tramitación administrativa para a súa creación e de formación para os seus membros

“É fundamental que os concellos, e principalmente os rurais como Dozón, conten cunha agrupación cuxo único fin é axudar aos veciños, especialmente nas circunstancias máis difíciles, e por iso teñen a absoluta colaboración da Xunta”, indicaron os representante autonómicos

Dozón, 23 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, vén de apoiar durante os últimos meses a creación e posta en marcha da nova Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Dozón, que hoxe presentouse en sociedade nun acto celebrado na Casa do Concello.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiron esta mañá o acto de entrega de carnés oficiais e acreditacións identificativas aos once integrantes desta entidade nun encontro que tivo lugar no consistorio e que tamén contou coa presenza do alcalde castrense, Adolfo Campos, o responsable provincial de Emerxencias, Miguel Ángel Pérez Dubois, e outros representantes municipais.

“Queremos trasladarlles os máximos parabéns a estas once persoas polo seu altruísmo e xenerosidade e por embarcarse nunha actividade que implica moitos sacrificios persoais e familiares, pero que contribúe enormemente a mellorar a sociedade e que sempre reporta a satisfacción de axudar aos demais”, manifestaron os representantes autonómicos, que tamén quixeron agradecer a colaboración e implicación do Concello na posta en funcionamento deste novo servizo.

A agrupación deu os seus primeiros pasos hai 18 meses cunhas xuntanzas organizativas e o establecemento dunha folla de ruta ata a aprobación provisional, en abril do ano pasado, do regulamento da agrupación nun pleno extraordinario. Posteriormente, xa no mes de setembro, a entidade deuse de alta no rexistro oficial e a continuación os seus once integrantes cumprimentaron o Curso Básico de Protección Civil –obrigatorio para ser voluntario– no veciño municipio de Lalín.

Así, a agrupación xa está a dar os seus primeiros pasos, tras case ano e medio de tramitación administrativa e formación do seu persoal, e comeza coa atención de incidencias e a realización de operativos no termo municipal, polo que dende a Xunta de Galicia quixo acelerarse a entrega dos elementos identificativos e a celebración deste encontro para trasladarlles os parabéns e o apoio do Goberno galego.

“É fundamental que os concellos, e principalmente os rurais como Dozón, cunha poboación bastante envellecida e cunha dispersión importante, conten cunha agrupación de Protección Civil, cuxo único fin é axudar aos veciños, especialmente nas circunstancias máis difíciles, e por iso teñen a absoluta colaboración da Xunta, que irá da súa man ao longo dos vindeiros anos para que cada vez dispoñan dos mellores medios para atender aos cidadáns”, concluíron os representantes autonómicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2023