Miranda percorrerá algunhas das principais cidades do segundo país con maior colectividade galega, O Brasil, para expor as medidas de fomento do retorno

O titular da Secretaría Xeral da Emigración comeza hoxe en San Salvador de Bahía unha xira polas localidades que contan con maior presenza galega para detallar e aclarar posibles dúbidas sobre a Estratexia Galicia Retorna 2023·26

O documento, que conta con ata 100 medidas para facilitar o regreso á Comunidade, presta especial atención ao eido laboral, con programas pioneiros como Retorna Cualifica Emprego, que oferta ata 400 postos de traballo cun contrato en man

No ámbito educativo, o secretario xeral informará sobre as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), cuxo prazo para solicitar axudas para estudar un máster na Comunidade está aberto

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2023 O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, iniciará hoxe un percorrido por algunhas das principais cidades do país con maior colectividade galega, O Brasil, para expor as medidas de fomento do retorno que a Xunta de Galicia ofrece aos galegos do exterior. A xira comezará en Salvador de Bahía, onde o titular do departamento galego detallará as iniciativas que conforman a nova Estratexia Galicia Retorna 2023-26 e informará das vantaxes laborais e educativas que ofrece a Comunidade Autónoma para garantir a integración efectiva dos retornados a Galicia.

No acto, que se celebrará na sede da asociación Caballeros de Santiago de Salvador de Bahía ás 16 horas (20 horas en Galicia), estará acompañado dos representantes das Fundacións Nortempo e Venancio Salcines, encargadas da xestión do programa máis novidoso, o Retorna Cualifica Emprego, que promoove a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e que ofertará ata 400 postos de traballo en Galicia cun contrato indefinido. O obxectivo desta iniciativa é casar as vacantes das empresas coas necesidades laborais dos retornados.

O documento aborda, deste xeito, o regreso á Comunidade desde catro eidos esenciais: o asesoramento e seguimento, o social, o laboral e o formativo. Dentro deste último destaca un dos programas clave da Estratexia Galicia Retorna, as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), cuxo prazo de solicitude se atopan aberto neste intre e ata o próximo 28 de abril. A través desta iniciativa autonómica, os 250 mellores expedientes universitarios de galegos do exterior poden optar a unha axuda para realizar un máster nunha das tres universidades galegas.

Trala presentación de Salvador de Bahía, Antonio Rodríguez Miranda continuará o percorrido polo Centro Español de Santos e a Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos Casa de Espanha de Sao Paulo, ás 10 e as 16 horas respectivamente (16 e 20 horas en España).

A Estratexia Galicia Retorna conta cun cento de medidas e máis de 450 millóns de euros de presuposto para seguir facendo de Galicia a mellor opción para vivir para as galegas e galegos residentes no exterior.

 

Data de actualización: 25/03/2023