A Xunta destaca que a Cidade da Xustiza de Vigo anticípase ao Plan Xustiza 2030 ao cumprir todas as características requiridas para as futuras sedes xudiciais sustentables

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, explicou hoxe no Parlamento galego que o novo edificio unifica nun só inmoble todos os órganos xudiciais da cidade e ten un deseño que aposta pola eficiencia enerxética e a accesibilidade

Puxo en valor que o traslado ao novo edificio foi consensuado e cumpríronse os prazos, pese a tratarse dun proceso complexo ao mudarse xulgados que tiveron que adaptar a tramitación en papel á dixital

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2023

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento galego para abordar as actuacións levadas a cabo pola Xunta na Cidade da Xustiza de Vigo. Na súa intervención destacou que o edificio cumpre con todas as características requiridas polo Goberno central no modelo de referencia de deseño dos espazos das futuras sedes xudiciais para que sexan espazos sustentables. Deste xeito, adiántase ao Plan Xustiza 2030 do Executivo estatal e a este modelo de sedes aprobado a comezos deste mes na conferencia sectorial entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades celebrada en Palma de Mallorca.

 

Nesta liña, o Goberno galego tivo xa moi en conta nas recentes infraestruturas xudiciais a posibilidade de rehabilitación de antigos edificios como é o caso do antigo hospital xeral de Vigo, e segundo indica o novo modelo ao instar a xerar espazos dentro da propia cidade e da súa contorna. No caso de Vigo, o novo edificio xudicial, no que a Xunta investiu máis de 42 M€, unifica nun só inmoble de 44.000 metros cadrados un total de 40 órganos xudiciais, ademais a Audiencia e a Fiscalía provinciais, o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) e o servizo común de notificacións e embargos.

 

Tamén avoga pola eficiencia enerxética, a sustentabilidade e a accesibilidade, outros dos parámetros recollidos na proposta do Ministerio de Xustiza para as futuras sedes. O director xeral de Xustiza incidiu en que “se respecta cada un dos puntos do modelo de deseño dos espazos previsto para 2030”.

 

Despachos, salas e accesos

Como exemplos, indicou que a Cidade da Xustiza agrupa os despachos da Fiscalía e os órganos da mesma xurisdición na mesma zona e distribuídos nas distintas plantas. Todos os despachos, tal e como se recomenda, están situados en áreas de acceso restrinxido ao público, conectados coas salas de vistas e coas oficinas relacionadas cos procedementos.

 

Canto os despachos dos médicos forenses do Imelga contan co equipamento específico para levar a cabo as súas tarefas tanto de xestión e elaboración de informes como para exploracións e recoñecementos. Ademais, o instituto, situado xunto ao xulgado de garda e o de violencia sobre a muller, dispón de salas de atención ás vítimas e ás familias e coa primeira sala de autopsias en Galicia dotada cos medios tecnolóxicos que lle permiten ter acreditado o nivel de bioseguridade 3.

 

No que se refire ás salas, explicou que cumpren os criterios do modelo aprobado na última conferencia sectorial. Hai 19 salas multifuncións con todos os medios para poder celebrar actos procesuais presenciais e remotos; 1 sala Gesell nos xulgados de familia e outras 2 previstas no Imelga e na Fiscalía coas que garantir a privacidade das testemuñas de vítimas de violencia de xénero e outras vítimas especialmente vulnerables. Engadiu que todas as salas de vistas teñen máis de 40 metros cadrados, polo que segundo o modelo de referencia estarían catalogadas como medianas, grandes ou moi grandes.

 

Dixitalización e seguridade

O director xeral de Xustiza incidiu en que o equipamento das salas xudiciais galegas é unha das prioridades da Xunta e neste 2023 completarase a renovación das salas de vista en todos os órganos xudiciais da comunidade en liña co modelo de sala de vistas dixitais que facilita a intervención telemática e o uso do expediente xudicial electrónico. O obxectivo é que que o 70 % das salas estean dixitalizadas e acollan un 30 % de procedementos dixitais. En Galicia xa son dixitais actualmente case o 80 %.

 

Na Cidade da Xustiza todas as salas de vistas, polivalentes e de declaracións -indicou- están dixitalizadas e preparadas cos medios necesarios para visualizar o expediente xudicial electrónico. Ademais, todos os postos de traballo están deslocalizados e cun nivel máximo de seguridade.

 

O edificio xudicial de Vigo conta respecta as recomendacións realizadas con posterioridade canto á accesibilidade. Ten tres accesos independentes -un ao público, outro que pode destinarse ao persoal e un terceiro ao xulgado de garda- e o vestíbulo xeral de acceso conecta con todas as funcións de información e atención á cidadanía.

 

José Tronchoni lembrou que para facilitar a conciliación laboral e familiar dos 500 funcionarios trasladados ao novo edificio, a Cidade da Xustiza de Vigo ten unha escola infantil de 41 prazas e dotarase dunha sala de lactación nunha zona de fácil acceso tanto ao público como ao persoal.

 

Traslado dos xulgados

Durante a comparecencia, o director xeral de Xustiza puxo en valor o complexo proceso de traslado consensuado con todos os axentes xudiciais e coa dificultade de cambiar de lugar uns xulgados con tramitación en papel que a acabaron tendo dixital. Pese á dificultade destes traballos, respectouse o calendario previsto. Rematarase así en abril como se esperaba, xa que só faltan por mudarse ao novo inmoble o Imelga, o servizo común de notificacións e embargos e algún servizo menor complementario.

Data de actualización: 23/03/2023