Lorenzana ve na 1ª feira de emprego do Campus de Ourense unha oportunidade para dar coñecer os recursos formativos e de emprendemento da Xunta

Ourense, 22 de marzo de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe a 1ª feira de emprego que a Universidade de Vigo organiza no Campus de Ourense e na que a Xunta dispuxo un stand de 24 metros cadrados para presentar a Axenda Galega de Capacidades e a nova Rede de polos de emprendemento, dúas iniciativas coas que o Goberno galego está a avogar pola formación adaptada ás necesidades do tecido produtivo e polo impulso de novas iniciativas empresariais vencelladas co territorio onde se asentan.

A conselleira puxo en valor a oportunidade que a comunidade universitaria ourensá ten de coñecer de primeira man as opcións profesionais ofrecidas neste recinto por máis de 100 entidades que representan diferentes sectores porque, como recalcou, “en Galicia hai traballo” e é obxectivo prioritario do Goberno autonómico apostar pola colaboración público-privada para ofrecer a mellor das formacións a cidadanía e poder dar cobertura as vacantes existentes nos diferentes sectores, sempre da man da colaboración público-privada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/03/2023