O presidente do Goberno galego participou na presentación do libro ‘A Cidade da Xustiza. Unha historia viva de Vigo’

Rueda pon en valor a Cidade da Xustiza de Vigo como símbolo do compromiso da Xunta cunhas infraestruturas xudiciais funcionais e de calidade

Subliña que coa transformación do edificio coñecido como Pirulí na Cidade da Xustiza asumiuse o reto de ofrecer aos cidadáns unhas instalacións que xa son un referente mundial no eido das infraestruturas xudiciais

Apunta que a publicación recolle o proceso desde a construción do rañaceos a mediados do século XX ata o actual traslado das unidades xudiciais, un capítulo fundamental na historia contemporánea de Vigo

Vigo, 22 de marzo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor a Cidade da Xustiza de Vigo como símbolo do compromiso do Goberno galego cunhas infraestruturas xudiciais funcionais e de calidade. O mandatario galego participou na presentación do libro A Cidade da Xustiza. Unha historia viva de Vigo, na que apuntou que a publicación recolle o proceso desde a construción do rañaceos a mediados do século XX ata o actual traslado das unidades xudiciais, un capítulo fundamental da historia contemporánea de Vigo. 

Alfonso Rueda recordou que a creación duns xulgados acordes coas necesidades de Vigo foi un proceso complexo que o Goberno galego resolveu no ano 2015 coa recuperación dun edificio emblemático -o vello Hospital Xeral de Vigo- e a súa transformación nunhas instalacións xudiciais punteiras que xa son un referente mundial. “Foi unha decisión drástica e arriscada -recoñeceu- pero a día de hoxe demóstrase que axeitada”. 

A publicación, editada pola Xunta en colaboración co TSXG, recolle en 131 páxinas sete décadas da historia de Vigo, desde a inauguración da Residencia Sanitaria Almirante Vierna, pasando pola conversión do edificio na década dos 80 no Hospital Xeral de Vigo ata a súa recente transformación na Cidade da Xustiza, dando voz a traballadores, sanitarios, doentes, médicos, xuíces ou avogados, e bebendo tamén dos historiadores locais e dos xornalistas que foron testemuñas dos cambios. 

O presidente da Xunta subliñou que o libro era tamén unha homenaxe a todos os profesionais que fixeron posible unha obra punteira, encabezada no eido técnico polo arquitecto Alfonso Penela e no xudicial polo presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz Castroverde. Porque se no primeiro caso acadouse unha rehabilitación que xa é un referente na historia da arquitectura, no segundo conseguiuse que o proceso se desenvolvera ao mesmo tempo que en Vigo se seguía ofrecendo aos cidadáns uns servizos xudiciais de calidade. Alfonso Rueda tamén tivo palabras de recoñecemento para o anterior conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, que foi quen propuxo a idea de reconverter o edificio do antigo Hospital Xeral de Vigo na Cidade da Xustiza. Felicitou, ademais, a todos os organismos implicados no traslado e, en xeral, a toda a cidade de Vigo por unha iniciativa “da que todos nos sentimos orgullosos”. 

A Xunta investiu máis de 42 millóns de euros na rehabilitación do inmoble cunha superficie de 44.0000 metros cadrados para unificar nun edificio todos os servizos xudiciais de Vigo, a Fiscalía de Área, as seccións da Audiencia Provincial e a Subdirección do Imelga, con salas de vista dixitalizadas, cunha escola infantil e con eficaces sistemas de seguridade. 

O traslado concluirá no mes de abril 

A Xunta mantén o obxectivo de finalizar o traslado no mes de abril. Xa están en pleno funcionamento na Cidade da Xustiza os xulgados do Contencioso-Administrativo, do Mercantil, do Social e do Penal. Ademais, deuse por concluído o traslado dos xulgados de Instrución e de Violencia sobre a muller. No que respecta aos de Primeira Instancia, esta semana procedeuse ao desprazamento dos xulgados Nº 14 e 14bis, e  queda pendente o cambio do Imelga e do servizo común de notificacións e embargos. 

Alfonso Rueda asegurou que a posta en marcha da Cidade da Xustiza é unha mostra máis do compromiso da Xunta con Vigo e coa xustiza, e que o Goberno galego seguirá demandando uns servizos xudiciais á altura do que a cidadanía galega merece, como fixo recentemente reiterando a necesidade de dotar a Pontevedra e A Coruña de novos maxistrados do Penal para as Audiencias Provinciais ou coa petición de cinco xulgados exclusivos de violencia de xénero para as cidades galegas.

 
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/03/2023