O presidente da Xunta participou na recepción aos novos alumnos do curso académico de Policía Local na Academia Galega de Seguridade Pública da Estrada

Rueda eloxia o papel da Policía Local á hora de construír unha Galicia máis segura para vivir, traballar e visitar

Agradeceu o compromiso e a dedicación dos axentes nun corpo que “case sempre é o primeiro en acudir a situacións de emerxencias”

Destacou o apoio do Goberno para proporcionar unha boa formación e unhas infraestruturas adecuadas, así como as medidas tomadas para favorecer que Galicia sexa unha das comunidades máis seguras de España

A Estrada (Pontevedra), 22 de marzo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aproveitou a recepción desta mañá aos novos alumnos do curso académico de Policía Local na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para eloxiar o papel do corpo á hora de conformar unha Galicia máis segura para vivir, traballar e visitar. 

O titular do Executivo galego, acompañado do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, deulle así a benvida oficial aos novos axentes que comezaron recentemente coa súa formación nas instalacións da Estrada. 

Durante a cerimonia de inauguración, Rueda gabou o compromiso e a dedicación dun corpo de seguridade que “case sempre é o primeiro en acudir a situacións de emerxencias”. Neste sentido, agradeceu a súa implicación para facer de Galicia unha das comunidades máis seguras de España. 

A comezos do mes de marzo iniciaron a súa formación preto de 80 novos policías locais e outros 25 axentes para promocionar ao posto de oficial. O presidente destacou a importancia de recibir unha boa instrución e contar coas infraestruturas e medios adecuados, como no caso da Agasp, onde se ofrece “a mellor formación que se pode recibir en calquera comunidade autónoma”. 

“Avanzouse moi rápido en moi pouco tempo”, afirmou Rueda en referencia aos avances conseguidos na instrución dos corpos de seguridade. “Actualmente, case 90 concellos delegan na Xunta a selección dos seus policías locais, o que garante para os opositores que van recibir unha mellor formación e a opción de elixir os seus destinos”, destacou.

Tres décadas formando policías locais 

Neste 2023 cúmprense 30 anos desde o primeiro curso de formación para policía local que se impartiu na Academia Galega de Seguridade Pública. Desde o 1993 pasaron polas instalacións da Estrada máis de 1800 axentes e promocionaron preto de 550.

Alfonso Rueda aproveitou o acto para amosar a disposición da Xunta a colaborar co resto de Administracións locais nos 127 corpos de Policía Local de Galicia, como xa se está a facer con axudas para a contratación de axentes, a centralización dos procesos selectivos, a formación de todos os corpos de seguridade da comunidade ou a posta en funcionamento do novo rexistro de policías locais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/03/2023