A Xunta garante praza educativa para todos os alumnos afectados pola decisión de Aspaber de pechar o centro de educación especial de Carballo

O conselleiro de Educación sinala no Parlamento que o seu departamento está traballando na busca da “mellor solución para atender as necesidades de cada alumno”
 

Román Rodríguez lanza unha mensaxe de tranquilidade ás familias ante a decisión unilateral deste centro de non renovar o concerto vixente desde 2017
 

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia vai garantir praza educativa a todos os alumnos afectados polo peche do centro de Educación Especial Aspaber, de Carballo, logo de que esta entidade decidira, de xeito unilateral, non renovar o concerto vixente desde o ano 2017.

Así o sinalou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, ante a Comisión 4ª do Parlamento, onde lanzou unha mensaxe de tranquilidade ás familias, posto que o Goberno galego está traballando na busca da “mellor solución para atender as necesidades de cada alumno”. “Entendemos a lóxica preocupación dos pais e das nais destes alumnos de Educación Especial”, dixo o conselleiro, que lembrou que desde o primeiro momento se estivo en permanente contacto con eles para analizar a situación e as posibles alternativas.
 

O titular de Educación ofreceu a “total colaboración” coas familias, cuxos fillos teñen garantida unha praza o vindeiro curso 2023-24. Así pois, a Xunta adoptará as medidas necesarias para blindar a normal continuidade do proceso de escolarización do alumnado afectado polo cese de actividade do centro.  

Decisión unilateral allea á Consellería

O Centro de Educación Especial Aspaber, de Carballo, conta con concerto educativo desde o ano 2017, e neste curso ten tres unidades concertadas que atenden a 20 menores de 21 anos. Foron os xestores da asociación os que, de xeito unilateral, tomaron a decisión de non presentar solicitude para a renovación do concerto, que expira este ano.

Desde a Consellería, a través da Xefatura Territorial e da Inspección Educativa, mantivéronse reunións de traballo cos responsables de Aspaber, aos que se lles ofreceu total colaboración e disposición de seguir adiante co acordo de concerto.
 
Pese a este ofrecemento, a entidade decidiu seguir adiante coa súa decisión unilateral allea á Consellería, que agora traballa para seguir prestando o servizo a estes alumnos coas máximas garantías educativas.

Data de actualización: 22/03/2023