A Xunta anuncia as melloras de acondicionamento previstas no edificio antigo dos xulgados da Parda

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, reuniuse hoxe con representantes do sector xudicial de Pontevedra para abordar os traballos previstos no decanato, no xulgado de garda, na subdirección do Imelga, no servizo de seguridade e nos despachos dos sindicatos

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023 O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, mantivo esta mañá un encontro con representantes da Administración de Xustiza de Pontevedra para trasladarlles as medidas de acondicionamento previstas no edificio antigo dos xulgados da Parda. En concreto, anunciou a próxima licitación por máis de 221.700 euros de actuacións neste inmoble nos espazos que ocupan a subdirección do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) en Pontevedra, o decanato e o xulgado de garda, o servizo de seguridade, e nos despachos dos sindicatos. Ademais, inclúen o pintado de parámetros interiores e das escaleiras de emerxencia.  

Así llo trasladou José Tronchoni hoxe á xuíza decana de Pontevedra, Belén Rubido; ao secretario coordinador provincial de Pontevedra, José Miguel Formoso Sobrado; e á subdirectora do Imelga en Pontevedra, Beatriz Otero.

Entre os traballos previstos destacan a instalación de tomas de voz e datos e de paneis led nestas instalación ou o incremento nos sistemas de protección e medidas de seguridade . No caso do Imelga renovaranse os aseos e instalarase un termo eléctrico; no xulgado de garda levarase a cabo renovarase a climatización cunha nova bomba de calor e reformarase o espazo; mentres que no decanato destaca a substitución da carpintería interior de aluminio, incluído o acristalamento do mostrador.

Cómpre lembrar que a posta en funcionamento do novo edificio xudicial da Parda en 2019 e o traslado dos xulgados repartidos pola cidade permitiu realizar una redistribución dos órganos xudiciais entre os dous edificios novo.  

O inmoble xa existente reservouse esencialmente para os órganos da xurisdición penal, a Fiscalía Provincial e o IMELGA, trasladándose ao novo edificio os restantes órganos xudiciais.  

O traslado ás novas dependencias abriu a posibilidade de dispoñer de novos espazos no edificio antigo, dotar aos xulgados da xurisdición penal de mais espazos para as oficinas e instalar salas para comparecencias e salas de espera para os cidadáns e os profesionais. 

Un dos órganos beneficiarios desta distribución foi a Fiscalía provincial de Pontevedra, que veu duplicada a súa superficie ocupando o cuarto andar -espazo no que anteriormente estaban os xulgados do Penal e de Menores- e tamén o quinto. A Xunta destinou 90.000 euros á dotación de máis despachos aos fiscais de área, a ampliación das oficinas e dos arquivos e a creación dun espazo diferenciado para a Fiscalía de Menores.

O novo edificio xudicial da Parda, inaugurado en 2019, supuxo un investimento de máis de 21M€ que contribuíu a solucionar os problemas de espazos das unidades xudiciais da cidade e cubrir a demanda para as próximas décadas. Conta cunha superficie de 23.000 metros cadrados e alberga 28 unidades xudiciais. Dispón de dous sotos e seis plantas das que a baixa e a primeira albergan servizos como o rexistro civil, as 16 salas de vistas, os despachos para avogados, procuradores e traballadores sociais ou o servizo común de actos de comunicación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/03/2023