A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade interveu esta mañá no Parlamento de Galicia

Ethel Vázquez lamenta que o Goberno de España se desentenda dos trens Avril e ínstao a trasladar información certeira sobre cando e cantos prestarán servizo en Galicia

Vázquez Mourelle critica que o Goberno incumprira todas as datas anunciadas para o funcionamento destes trens, a última para o pasado verán, impedindo sacar rendemento á campaña turística que supuxo a excepcional ampliación do Ano Xacobeo

Remarca que contar con estes trens é a única forma de asegurar a chegada da alta velocidade máis alá de Ourense, é dicir, á Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo

Estima que os trens Avril non estarán operando en Galicia ata máis alá do outono e eses retrasos deberían ter compensacións, igual que as que o Goberno de España anunciou para Asturias e para Cantabria no caso do FEVE

Subliña que cómpren 7 trens Avril para cumprir os tempos de viaxe comprometidos entre Galicia e Madrid, así como un incremento de frecuencias para ter servizos de ida e volta a primeira hora da mañá, ao mediodía e á tarde-noite

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023 Ethel Vázquez lamentou hoxe que o Goberno de España de desentenda dos trens Avril e ínstao a trasladar información certeira sobre cando e cantos prestarán servizo en Galicia. 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade reiterou hoxe no Parlamento que para que o AVE circule por Galicia máis alá de Ourense, é imprescindible dispoñer de trens Avril de rodadura desprazable. 

Na súa intervención a titular de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta lamentou que o Goberno incumprira todas as datas anunciadas para o funcionamento destes trens, a última para o pasado verán, impedindo así sacar rendemento á campaña turística que supuxo a excepcional ampliación do Ano Xacobeo.  

Precisou que meses despois de que quedara ao descuberto que non habería trens Avril cando tocaba, segue sen haber explicacións oficiais do acontecido nin información sobre os novos prazos que baralla o Goberno. 

Dadas estas circunstancias, manifestou a inquedanza do Goberno galego ante a sospeita de que os trens Avril non estarán operando comercialmente en Galicia ata máis aló do outono.

Ethel Vázquez lamentou, ademais, que esas inconcrecións e eses retrasos na entrega de trens non vaian acompañadas dalgún tipo de compensación como si fai o Goberno de España noutros territorios como Asturias e Cantabria no caso do FEVE. 

Máximo rendemento da alta velocidade

En contraposición coa falta de avances por parte do Executivo central, indicou que a Xunta vén traballando para sacarlle o máximo partido á alta velocidade. Así, detallou que tras unha análise pormenorizada, se determinou que son necesarios 7 trens Avril para que se cumpran os tempos de viaxe comprometidos entre as cidades galegas e Madrid sen facer transbordo en Ourense.  

Engadiu que a dotación destes trens debe ir acompañada dun incremento de frecuencias, co obxectivo de dispoñer de servizos de ida e volta entre Madrid e A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo a primeira hora da mañá, ao mediodía e á tarde-noite.  

Puxo en valor que a alta velocidade concentrou o ano pasado 1,8 millóns de pasaxeiros operando a tan só o 31% da súa capacidade, polo que estas cifras aumentarían notablemente cos trens Avril funcionando a pleno rendemento, cunha oferta horaria atractiva, e incrementando un 64% as prazas dispoñibles. 

Fixo fincapé en que contar con estes trens ten unha transcendencia maiúscula para Galicia, porque é a única maneira de asegurar a chegada da alta velocidade ás cidades da Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo. 

Tamén resaltou que a disposición dos trens Avril posibilitaría que outras compañías de baixo custo se interesen por ofrecer servizos de alta velocidade entre Galicia e Madrid, podendo beneficiarse os usuarios dunha carteira de servizos máis ampla e con prezos máis económicos.

Neste sentido, incidiu en que a Xunta seguirá vixiante e reclamando información certeira e concreta sobre cando, como e cantos trens Avril prestarán servizo en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/03/2023