O conselleiro do Medio Rural visitou hoxe estas obras co director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

A Xunta avanza na reforma da residencia de estudantes do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude no marco do futuro Espello do rural galego

José González lembrou que estes traballos na residencia -para os que se conta cun orzamento de 3,4 millóns de euros- permitirán modernizar as instalacións e ampliar o número de prazas para atender a demanda existente


Supoñen o primeiro paso do que será o Centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia, para converter o pazo de Quián e a súa contorna nunha reprodución visitable da ordenación do territorio no noso rural
 

O proxecto corre a cargo do grupo de arquitectos formado por Jorge Salgado, Celso López, César Portela e Magdalena-Arousa Portela -presentes no acto de hoxe-, gañadores do concurso de ideas convocado ao efecto
 

Boqueixón (A Coruña), 22 de marzo de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, comprobou hoxe o avance das obras para converter o pazo de Quián no Centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia, que están a arrancar coa reforma da residencia de estudantes do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, unha primeira fase que conta cun presuposto de 3,4 millóns de euros. 

 

Tal e como destacou o conselleiro, grazas aos traballos que se están a realizar, a residencia elevará o seu número de prazas de 52 a 82, modernizando de xeito decidido as instalacións para os alumnos do CFEA, atendendo a criterios de sostibilidade e eficiencia enerxética. Poderase atender, deste xeito, a demanda existente para a residencia, en consonancia co interese que esperta a oferta regrada do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal. Nesa dirección, o titular de Medio Rural tamén se referiu ás melloras previstas no aulario, que se dotará dunha envolvente en madeira, na liña impulsada pola Xunta de apostar pola madeira galega na construción.

 

Cómpre recordar que o CFEA de Sergude -presente no acto tamén a través do seu director, Juan Carlos Ferreras- conta na actualidade con máis de 130 alumnos de ciclos formativos, concretamente, cursando o grao superior de Gandaría e asistencia en sanidade animal e o grao medio en Aproveitamento e conservación do medio natural, ambos en réxime ordinario presencial. Tamén o grao medio de Produción agropecuaria (tamén ordinario presencial) e o grao medio en Produción agroecolóxica (réxime modular de persoas adultas na modalidade presencial).

 

Canto ao conxunto do proxecto, José González lembrou que o obxectivo é crear unha especie de espello do rural galego, un espazo que propicie unha visión global do que é o noso medio rural desde o punto de vista agropecuario, forestal ou hortofrutícola, comezando nunha primeira fase pola mellora das instalacións formativas e residenciais que hoxe se visitaron. Así, o pazo de Quián e a súa contorna (que conta cunha superficie de arredor de 100 hectáreas) converteranse no futuro nunha reprodución visitable da ordenación do territorio que se pretende para o rural galego cos seus tres usos fundamentais: forestal, agrícola e gandeiro.

 

Cabe lembrar que o proxecto corre a cargo dos arquitectos Jorge Salgado, Celso López, César Portela e Magdalena-Arousa Portela, tamén presentes no acto de hoxe e aos que o titular de Medio Rural lles agradeceu a súa implicación en tan ambiciosa iniciativa.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/03/2023