A Xunta leva ao Salón Previsel as súas campañas para a prevención de riscos nas carpintarías de madeira e nos traballos temporais en altura con escada

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou na apertura da 16ª edición do salón da prevención e da seguridade laboral que se celebra en Expourense

Puxo en valor as aportacións da Xunta de Galicia, a través do Issga, á nova estratexia española de prevención de riscos 2023-2027 que, entre outras medidas, sitúa a saúde mental das persoas traballadoras como prioridade

Ourense, 22 de marzo de 2023 A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou na apertura da 16ª edición do Salón da prevención e a seguridade laboral, Previsel, que se celebra hoxe e mañá en Expourense e no que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ofrecerá formación especializada para reducir a sinistralidade en carpintarías de madeira e nos traballos temporais en altura que precisan de escada.

O salón, que conta coa colaboración de administración, patronal, sindicatos, colexios profesionais, empresas especializadas e servizos de intervención e emerxencias, inclúe máis de 30 actividades que teñen o obxectivo de sensibilizar da necesidade de brindar formación en materia de seguridade e prevención de riscos e promover boas prácticas que garantan a saúde laboral de traballadoras e traballadores.

“A prevención e unha responsabilidade de todos”, remarcou a directora xeral, que puxo en valor a necesidade de afondar na prevención e destacou a importancia dos modelos organizativos e dos medios preventivos na empresa.

A Xunta, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), participou na elaboración do programa deste evento, da man de empresas, empresarios, sindicatos, mutuas e colexios profesionais; unha selección de actividades que, segundo remarcou Mancha “están baseadas na realidade do noso tecido laboral e totalmente accesibles”.

Deste xeito, o Issga, como membro do Comité Asesor de Previsel volve apostar por este evento como plataforma de promoción da prevención, participando cun stand expositivo e aportando iniciativas para impartir formación especializada neste ámbito.

Entre as accións que se desenvolverán en Expousense, o Issga impartirá formación centrada na prevención de riscos laborais en traballos temporais en altura coa presentación da súa campaña Prevención de riscos nas escadas_Non caias da escada que inclúe unha demostración práctica sobre o uso seguro destas ferramentas. A iniciativa ten como finalidade achegar información sobre os criterios de selección de escadas, as medidas preventivas antes do seu uso, como deben colocarse e usarse, as indicacións para o seu traslado e almacenamento e os equipos de protección que se utilizan. O obxectivo da sensibilización é reducir a accidentabilidade laboral derivada desta actividade.

Tamén o Issga presentará en Previsel a campaña Riscos en carpintarías de madeira_Non te cortes para sensibilizar acerca dos cortes e atrapamentos que se producen coa utilización de maquinaria nesta actividade. A proposta -que ao igual que a anterior foi elaborada no seo do grupo de traballo de sinistralidade do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral- céntrase no uso de ferramentas e máquinas habituais nesta actividade.

A Xunta de Galicia impartirá un terceiro obradoiro sobre a prevención dos trastornos musculoesqueléticos (TME), coa presentación dun estudo ergonómico no sector da automoción e indicacións de conclusións e novas liñas preventivas neste sector.

Papel de Galicia na Estratexia Española

A directora xeral de Relacións Laborais puxo en valor, por outra banda, o papel do Issga tanto en Previsel e como representante, con Cantabria, das comunidades autónomas para a elaboración da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027, que aprobou recentemente o Consello de Ministros.

“O Issga interveu no deseño desta Estratexia que pretende ser o novo marco de referencia que oriente as políticas públicas de prevención de riscos laborais e aspira a lograr contornas de traballo seguras e saudables, que contribúan positivamente á saúde das persoas traballadoras, e ao progreso das empresas e da sociedade”, dixo Mancha.

Este documento sitúa a saúde mental por primeira vez entre as prioridades e permitirá a posta en marcha dunha Axenda Nacional para a Prevención do Cancro de Orixe Profesional. “Impúlsase a perspectiva de xénero para atender de forma máis certeira á saúde e a prevención de riscos laborais e mellorarase a protección de colectivos vulnerables”, destacou a directora xeral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/03/2023