A xunta licita por 637.000 € a execución dun aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido no enlace da PO-340 coa autoestrada do Val Miñor, en Nigrán

Disporase dunha superficie total de 3.500 m² para habilitar 72 prazas de estacionamento, facilitando a redución da presenza dos coches no centro da vila pontevedresa, na zona próxima ao quilómetro 8+800


O novo estacionamento contará con 2 prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida e disporá da preinstalación de 3 puntos de recarga para vehículos eléctricos


As empresas interesadas en executar as obras teñen ata o 18 de abril para presentar as súas ofertas, co obxectivo de comezar os traballos no verán
 

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023

A Xunta licitou por 637.000 euros a execución dun aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións, no enlace da estrada PO-340 coa autoestrada do Val Miñor e adxacente á peaxe da saída A Ramallosa-Gondomar, no concello de Nigrán.

Este novo aparcadoiro, que busca facilitar o emprego do vehículo compartido e reducir a presenza dos coches no centro da vila, situarase na zona próxima ao punto quilométrico 8+800 e contará cunha superficie total de 3.500 m². 

A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle hoxe o inicio da contratación desta actuación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 18 de abril, tendo como obxectivo a Xunta comezar os traballos no verán.

Este aparcadoiro disuasorio disporá de 72 prazas, das que 2 se reservan para persoas con mobilidade reducida, ademais da preinstalación para 3 puntos de recarga para vehículos eléctricos.

 

Contará, ademais, dunha franxa perimetral interior adxacente ás prazas para os itinerarios peonís e carrís de circulación dun mínimo de 3 metros de ancho e de sentido único.

 

No centro do aparcadoiro e na zona norte proxéctanse zonas verdes para a colocación de arborado e alumeado, que irán separadas das prazas por un bordo. 

Estas actuacións forman parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles, aos que destina este ano 29,3 M€.

 

No marco destes proxectos, a Xunta inclúe os aparcadoiros disuasorios, as sendas nas contornas das grandes cidades, a mellora da seguridade e da accesibilidade nas paradas de autobús nas estradas autonómicas ou os investimentos nas estacións intermodais.

 

A Xunta segue a impulsando a mobilidade sostible, fomentando a dotación de aparcadoiros disuasorios en zonas próximas ás principais vías de entradas ás cidades de Galicia e conectados coa rede de servizos de transporte público colectivo, con itinerarios peonís e ciclistas.

Data de actualización: 22/03/2023