Un total de 310 persoas e 153 cooperativas e sociedades laborais recibiron en 2022 axudas do programa da Xunta Aprol Economía Social

A iniciativa conta con dúas liñas compatibles de apoio: para cooperativas e sociedades laborais para que incorporen, sobre todo, persoas desempregadas; e para persoas que entren nestas entidades de economía social como socias ou cun contrato indefinido

A convocatoria deste ano está aberta ata o próximo 15 de setembro

A achega básica para a incorporación de persoas en desemprego ou para que emprenda no sector ascende a 6.000 euros

As contías incrementaranse no caso de que as beneficiarias sexan mulleres, persoas con discapacidade, traballadores no rural, maiores de 45 anos, emigrantes retornadas ou cooperativas xuvenís, entre outros

Haberá máis apoio tamén para as cooperativas de nova creación con 4 ou máis persoas socias, unha novidade deste ano

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023.- A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade concedeu o pasado ano axudas directas a 153 cooperativas e sociedades laborais e a 310 persoas a través do programa Aprol Economía Social. En total, a Xunta investiu máis de 4,7 millóns de euros nestes apoios para fomentar o emprendemento e o emprego na economía social, impulsar o autoemprego neste sector e fixar man de obra produtiva no territorio.

O programa conta con dúas liñas compatibles entre si: unha primeira con axudas directas a cooperativas e sociedades laborais para que incorporen, sobre todo, persoas desempregadas, á que se destinou en 2022 máis de 2,5 millóns; e unha segunda, para beneficiar a quen entre como socia cun contrato indefinido a unha destas entidades ou ben inicie a súa actividade por conta propia e se incorporore como socia para a que se investiron o pasado ano máis de 2,1 millóns de euros.

A convocatoria deste programa para 2023 mantense aberta, polo que os apoios poden pedirse aínda, ata o próximo 15 de setembro. A contía básica da axuda en cada unha das liñas ascende a 6.000 euros, con incrementos do 25% de concorrerer circunstancias de dificultade de acceso ao mercado laboral, como ser muller ou maior de 45 anos, algunha discapacidade, persoas emigrantes retornadas ou traballar en contornas rurais, entre outras.

Como novidade este ano a orde incorpora ese 25% extra tamén no caso de cooperativas de nova creación que conten con 4 ou máis socios. A Xunta de Galicia prevé así incentivos máximos de ata 19.500 euros de acumularse algunha destas variables para ambas as dúas liñas. Desde o ano 2017, a Xunta investiu máis de 22,6 millóns de euros nesta iniciativa, o que permitiu a incorporación de máis de 5.700 persoas a cooperativas e sociedades laborais.

Data de actualización: 22/03/2023