A Xunta confirma o seu compromiso coa Xustiza ao poñer en marcha case un cento de xulgados nos últimos anos

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou que a comunidade acepta todos os órganos que o Ministerio de Xustiza lle asigna cada ano mediante a dotación de persoal e equipamento


Lembrou que é competencia do Goberno central a creación de novas unidades xudiciais, pese a que cada ano a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia consensúan e trasladan unha proposta sobre as que consideran prioritarias


Na reunión da Comisión Mixta de onte, o Goberno galego e o TSXG acordaron solicitar, entre outras unidades, un xulgado excluínte de carácter comarcal no partido xudicial de Santiago de Compostela
 

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe nunha interpelación no Parlamento de Galicia o compromiso do Goberno galego coa Administración de Xustiza ao poñer en funcionamento 94 órganos xudiciais, cunha media de catro novas unidades cada ano.

 

Así, incidiu en que Galicia acepta e financia todas as unidades xudiciais que outorga o Ministerio de Xustiza e mantén o compromiso de poñelas en marcha no menor tempo posible. En concreto, desde comezos de cada ano están operativos os novos xulgados asignados polo Goberno central, como ocorreu este ano cos de Primeira Instancia número 15 da Coruña, 16 de Vigo e 6 de Lugo.

 

Pese a que a dotación de persoal e de equipamento dos novos xulgados concedidos á comunidade corresponde á Xunta, Diego Calvo aclarou que a competencia da creación de novas unidades xudiciais, isto é, da composición da planta xudicial, é do Goberno central. Así se recolle -asegurou- na Lei de demarcación e planta xudicial.

 

Por tanto, o Goberno galego non ten competencia para decidir o número de xulgados que se crean na comunidade en cada anualidade pero si pode propoñer as unidades xudiciais que consideran prioritarias segundo as necesidades da comunidade. Tal e como lembrou o vicepresidente segundo da Xunta, ese é o proceso que vén seguindo a Xunta en consenso co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). De feito, a Comisión Mixta entre ambos organismos reuniuse onte para ratificar a proposta deste ano que se trasladou ao Executivo estatal.

Diego Calvo lembrou que a Xunta e o TSXG consensuaron na reunión de onte dar prioridade á posta en marcha dun xulgado de violencia sobre a muller exclusivo e excluínte de carácter comarcal no partido xudicial de Santiago de Compostela, que se sume aos que xa están en funcionamento nas cidades da Coruña e Vigo. Deste xeito, ademais do partido xudicial de Santiago, propúxose que dea cobertura tamén aos de Ribeira, Padrón e Negreira.

A proposta inclúe a previsión de estender nos dous próximos anos este tipo de tribunais ao resto de cidades galegas, xa que actualmente só A Coruña e Vigo contan con xulgado de violencia sobre a muller exclusivo e excluínte.

Na relación presentada ao Ministerio de Xustiza tamén figuran dous maxistrados da sección penal -un na Audiencia Provincial da Coruña e outro na de Pontevedra- que deben ser creadas polo Goberno central. Xa se solicitaran o ano pasado pero finalmente o Executivo estatal non os integrou na programación.

A solicitude, realizada en base ás cargas de traballo das unidades xudiciais de toda Galicia, complétase cun xulgado de Primeira Instancia na Coruña e outro en Ourense, un xulgado do contencioso en Santiago de Compostela, un xulgado do social en Ferrol, así como outros xulgados de Primeira Instancia en Ribeira, Carballo, Vilagarcía de Arousa e Viveiro.

Data de actualización: 22/03/2023