O conselleiro do Medio Rural participa hoxe en plantacións no Porriño e en Mos, exemplo doutras promovidas con especies como castiñeiros, carballos ou cerdeiras

A Xunta conmemora o Día internacional dos bosques con plantacións de especies autóctonas por toda Galicia

José González puxo de relevo que dous terzos do territorio galego -máis de 2 millóns de hectáreas- son forestais, das que preto de 1,4 millóns son arboradas

Dentro desa superficie forestal, case 500.000 ha dispoñen de instrumentos de xestión ou ordenación, apostando por unha organización activa e sostible do monte baseada na multifuncionalidade

Cómpre lembrar apoios da Xunta como os preto de 3,6 millóns de euros que aínda se poden solicitar para o fomento das superficies con castiñeiros e para a recuperación de soutos tradicionais, ou os case 10 millóns para accións silvícolas

 

O Porriño (Pontevedra), 21 de marzo de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participa hoxe en senllas plantacións no Porriño e en Mos, co gallo do Día Internacional dos Bosques, que se conmemora este 21 de marzo. Trátase só dunha mostra das diversas plantacións e charlas divulgativas que se levan a cabo en toda Galicia esta semana, en colaboración con colexios, comunidades de montes ou asociacións.

No caso do Porriño, o conselleiro participou dunha actividade na parroquia de San Xoán de Chenlo na que se implicaron, ademais do Concello -personificado no seu alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo- varios centros educativos, para que os máis cativos fosen partícipes da plantación de ata 70 árbores, de especies como os carballos, os castiñeiros ou as cerdeiras. A acción céntrase nun monte de utilidade pública propiedade da Entidade local menor de Chenlo que conta cun proxecto de ordenación en preto de 600 hectáreas e con certificación polo sistema PEFC. Grazas á colaboración do distrito forestal XVIII Vigo-Baixo Miño, permite achegar aos cativos tamén o labor do Servizo de prevención e extinción de incendios, e puideron coñecer de preto o funcionamento dunha motobomba. 

 

Mentres, en Mos, ao consistorio -encabezado pola súa rexedora, Nidia Arévalo- sumáronse tamén rapaces, representantes das oito comunidades de montes veciñais do municipio e o Real Club Celta de Vigo -presente a través do seu vicepresidente primeiro, Ricardo Barros, do porteiro Iván Villar e de Germán Arteta, director da Fundación Celta de Vigo-, para levar a cabo unha plantación de 40 árbores na parroquia de Pereiras. O obxectivo é acadar en próximas datas ata un milleiro de plantas entre todos os implicados.

O conselleiro do Medio Rural destacou que se trata tan só de dúas mostras das plantacións promovidas en toda Galicia con plantas provenientes dos viveiros públicos, onde se traballa para conservar os recursos xenéticos e para dispoñer de planta en cantidade, calidade e sanidade. Así, estímase producir arredor de 17.000 plantas anuais, unha estimación orientada principalmente cara ás frondosas autóctonas e as coníferas de alta calidade xenética.

Estas plantacións foméntanse tamén desde a Xunta a través de axudas, como as aínda abertas con preto de 3,6 millóns de euros para aumentar as superficies de castiñeiros e a recuperación de soutos tradicionais. Tamén cabe apuntar os case de 10 millóns consignados para accións silvícolas, orientadas á prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, e que tamén teñen aínda aberto o prazo de solicitude.

 

José González puxo de relevo a importancia dun día como o que se conmemora hoxe en Galicia, xa que dous terzos da nosa comunidade -máis de 2 millóns de hectáreas- son forestais, das que preto de 1,4 millóns son arboradas. Dentro desa superficie forestal, preto de 500.000 ha dispoñen de instrumentos de xestión ou ordenación, apostando por unha organización activa e sostible do monte baseada na multifuncionalidade. Uns obxectivos, os da sustentabilidade e multifuncionalidade, que deben rexer o futuro do sector forestal, tal e como se persegue -dixo- no marco do Plan Forestal 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”.

O Plan Forestal tamén lle concede relevancia á divulgación e comunicación da natureza singular, sustentable e renovable dos montes e dos seus produtos derivados a través da programación de eventos, encontros, conferencias ou congresos sectoriais, así como de actividades dirixidas a centros educativos, entre outros. Nese apartado, precisamente, encádranse as charlas previstas ao longo desta semana en distintos colexios galegos para mellorar a información, divulgación e comunicación sobre o territorio forestal, os recursos forestais e a xestión forestal co gallo de estimular un vínculo ou achegamento positivo e duradeiro coa sociedade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2023