A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou a escola infantil municipal e tamén as instalacións onde se situará o novo centro

A Xunta concede 250.000 euros ao concello de Vilanova de Arousa para a creación dun Punto de Atención á Infancia e para mellorar a súa escola infantil

Destina 130.000 euros á creación dun Punto de Atención á Infancia de 20 prazas e outros 120.000 á creación dunha sala de usos múltiples na escola infantil municipal

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 21 de marzo de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe o concello de Vilanova de Arousa para anunciar a creación dun Punto de Atención á Infancia de 20 prazas e tamén melloras na actual escola infantil municipal desta localidade. Ao conxunto destas dúas actuacións, o Goberno galego destinará 250.000 euros, cos que se incrementarán e renovarán os servizos destinados ás familias e a atención de 0 a 3 anos.

 

A conselleira, que estivo acompañada do alcalde do concello, Gonzalo Durán, explicou que o novo Punto de Atención á Infancia situarase nas antigas casas de profesores do CEIP de Sestelo en Baión e estará rematado este mesmo ano. Contará con 20 prazas gratuítas e, para a súa posta en funcionamento, a Xunta concedeulle ao Concello 130.000 euros. Así mesmo, a Xunta achegou outros 120.000 euros para a construción dunha sala de usos múltiples na escola infantil municipal do concello.

 

Fabiola García lembrou que o Goberno galego está comprometido coas axudas ás familias e coa conciliación. Para iso, sinalou as medidas impulsadas durante os últimos anos como a gratuidade de todas as escolas infantís, independentemente da súa titularidade; da creación de 95 casas niño naqueles concellos pouco poboados do rural; ou do Bono Coidado, que no último ano axudou a 5.000 familias a contratar un servizo extraordinario de conciliación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2023