A Comisión Mixta de Xustiza entre Xunta e Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratifican a proposta de solicitar ao Goberno central un xulgado de violencia sobre a muller en Santiago de Compostela

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidiron esta mañá a reunión da Comisión Mixta entre o Goberno Galego e o TSXG para pedir máis unidades xudiciais e maxistrados para Galicia

Ademais do novo tribunal de carácter comarcal na capital galega, instase a crear xulgados de violencia sobre a muller no resto das cidades galegas no prazo de dous anos, como os que xa existen na Coruña e Vigo

Tamén se propuxo reforzar o persoal da Audiencia Provincial da Coruña e da de Pontevedra con cadanseu maxistrado

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidiron hoxe por videoconferencia a Comisión Mixta de Xustiza entre Xunta e TSXG. No encontro, ao que tamén asistiu o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, acordouse solicitar máis unidades xudiciais e maxistrados para Galicia, no marco das 70 que o Ministerio de Xustiza comunicou que se van dotar neste 2023.  

Nunha decisión consensuada, Xunta e TSXG ratificaron a proposta de que o Goberno central dea prioridade á posta en marcha dun xulgado de violencia sobre a muller exclusivo e excluínte de carácter comarcal no partido xudicial de Santiago de Compostela, que se sume aos que xa están en funcionamento nas cidades da Coruña e Vigo. Deste xeito, ademais do partido xudicial de Santiago, proporase que dea cobertura tamén aos de Ribeira, Padrón e Negreira.

A proposta inclúe a previsión de estender nos dous próximos anos este tipo de tribunais ao resto de cidades galegas, xa que actualmente só A Coruña e Vigo contan con xulgado de violencia sobre a muller exclusivo e excluínte.

Con esta petición, a Xunta pretende reforzar a protección das mulleres no ámbito da xustiza, xa que desta forma as vítimas están asesoradas e acompañadas en todo o proceso polo persoal dos equipos psicosociais das oficinas de atención á vítima do delito (OAVDs). Minimizase así a súa vitimización cunha resposta xudicial de calidade e ademais, ao tratarse dun servizo comarcalizado na mesma cidade, podería interpoñerse a denuncia a calquera hora e acudir á sede xudicial posteriormente. Ademais, permite ofrecer a prestación dunha atención máis especializada, áxil e uniforme ás vítimas ou un mellor acceso aos recursos asistenciais ao realizar as forzas e corpos de seguridade e os órganos xudiciais e fiscais unha derivación directa ás OAVDs.

Na relación que se presentará ao Ministerio de Xustiza tamén figuran dous maxistrados da sección penal -un na sección 2ª da Audiencia Provincial da Coruña e outro na de Pontevedra- que deben ser creadas polo Goberno central. Xa se solicitaran o ano pasado pero finalmente o Executivo estatal non os integrou na programación.

A proposta acordada hoxe realízase en base ás cargas de traballo das unidades xudiciais de toda Galicia. Así, complétase cun xulgado de Primeira Instancia na Coruña e outro en Ourense, un xulgado do contencioso en Santiago de Compostela, un xulgado do social en Ferrol, así como outros xulgados de Primeira Instancia de Vilagarcía de Arousa, Viveiro, Ribeira e Carballo.  

A Xunta aceptará e financiará tódalas unidades xudiciais que outorgue o Consello Xeral do Poder Xudicial, unha vez que chegue a comunicación na que se estableza o número asignado e comprométese a poñelas en marcha no menor tempo posible como vén facendo cada ano. Galicia, cada 31 de decembro, cumpre coa posta en marcha dos novos xulgados asignados polo Goberno central, como ocorreu este ano cos de Primeira Instancia número 15 da Coruña, 16 de Vigo e 6 de Lugo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2023