O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantiveron un encontro co alcalde desta localidade ourensá

A Xunta e o Concello de Paderne de Allariz avanzan na roza e posta a punto do polígono agroforestal de Solbeira

O encontro serviu para tratar esta figura, que prevé mobilizar 43 hectáreas e 317 parcelas propiedade de 208 propietarios que se destinarán á gandaría

Actualmente está en revisión o parcelario do polígono -que está exposto tanto na web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural coma na Casa do Concello-, ao que poden facer alegacións os veciños

Así mesmo, na xuntanza tamén se abordaron outros asuntos, como a mellora de infraestruturas rurais ou a plantación de castiñeiros

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González -acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé-, mantivo unha reunión co alcalde de Paderne de Allariz, Manuel Pérez. Este encontro serviu para avaliar as demandas e necesidades desta localidade ourensá e avanzar na implementación do polígono agroforestal de Solbeira.  

Actualmente xa están en marcha os traballos de roza e posta a punto do polígono. Así, o que se busca é recuperar e poñer en produción terras de boa capacidade produtiva que se encontren en estado de abandono ou infrautilización ou sexan susceptibles de optimización, coa finalidade de constituír áreas de explotación que garantan a súa rendibilidade. En concreto, este polígono prevé mobilizar 43 hectáreas e 317 parcelas propiedade de 208 propietarios que se destinarán á gandaría. 

Tamén está en revisión o parcelario -que está exposto tanto na web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural coma na Casa do Concello de Paderne de Allariz-, ao que poden facer alegacións os veciños. Ademais, nas próximas semanas acercaranse técnicos da Axencia ata a localidade para recoller a documentación acreditativa da titularidade.

Así mesmo, na xuntanza tamén se abordaron outros asuntos, como a mellora de infraestruturas rurais. Nesta liña, a Xunta comprometeuse a arranxar no municipio o camiño do núcleo rural de Ríoseco. Por outra banda, o Concello de Paderne de Allariz amosou interese polas axudas para a plantación de castiñeiros e recuperación de soutos tradicionais -que aínda seguen abertas- e que teñen un orzamento de case 3,6 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2023