Luis López anima a consumir peixes e mariscos de Galicia, “os mellores do mundo”, na estrea da foodtruck de Galicia sabe aMar en Pontevedra

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra presentou hoxe a campaña promocional da Consellería do Mar na Praza de Ourense da capital provincial, onde publicitará os nosos peixes e mariscos, xunto con produtos da terra, ata o vindeiro mércores en quendas de mañá e tarde

Esta iniciativa itinerante percorrerá 260 concellos de toda España vencellados ao Camiño de Santiago cunha poboación de máis de 13 millóns de habitantes para poñer en valor a calidade e frescura dos nosos produtos do mar a través de 1.000 degustacións e 200.000 pinchos

A campaña, que tamén serve de homenaxe aos milleiros de profesionais galegos que traballan na cadea mar-industria, seguirá a súa andaina no que resta de mes o xoves 23 e venres 24 en Marín, o martes 28 en Meaño, e o mércores 29 e xoves 30 en Bueu

Pontevedra, 20 de marzo de 2023 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, animou hoxe a consumir os peixes e mariscos de Galicia porque “son os mellores do mundo por calidade, variedade e frescura e porque permiten ter unha alimentación saudable” na xornada de estrea da foodtruck da campaña promocional GALICIA SABE AMAR na cidade de Pontevedra.

O representante autonómico presentou este mediodía esta iniciativa itinerante, impulsada pola Consellería do Mar para publicitar os nosos produtos mariñeiros, marisqueiros e pesqueiros, na Praza de Ourense da capital provincial, onde permanecerá durante tres xornadas ata o vindeiro mércores 22 ofrecendo degustacións de balde aos cidadáns en quendas de mañá e tarde.

“Temos unha materia prima excelente nas nosas rías e nos caladoiros onde traballan os nosos mariñeiros, contamos cunha variedade enorme xa que as nosas lonxas comercializan máis de 300 especies e ademais contamos cunha cociña de primeiro nivel no ámbito internacional, polo que creo que é moi axeitado poñelo en valor como un elemento máis do moito que Galicia lle ten que ofrecer ao mundo”, manifestou o delegado territorial, que engadiu que ademais da acción promocional, esta campaña tamén serve para render homenaxe aos milleiros de profesionais que traballan na cadea mar-industria da nosa comunidade polo seu esforzo e bo facer.

A iniciativa itinerante GALICIA SABE AMAR leva varias semanas percorrendo a xeografía galega e seguirá desenvolvéndose ata chegar a 260 concellos de toda España vencellados ao Camiño de Santiago e cunha poboación de máis de 13 millóns de habitantes tras percorrer preto de 6.500 quilómetros con catro foodtrucks.

A través da mesma, ofreceranse ata 1.000 degustacións e repartiranse gratuitamente 200.000 pinchos elaborados con produtos certificados do mar e da terra da nosa comunidade con dez receitas distintas que permitirán gozar da calidade e dunha alimentación sa.

Esta campaña promocional proseguirá pola contorna da cidade de Pontevedra no que resta de mes, xa que continuará a súa andaina o xoves 23 e venres 24 en Marín, o martes 28 no Concello de Meaño e o mércores 29 e o xoves 30 en Bueu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2023