A Xunta fixa a nova tempada de pesca da anguía na desembocadura do río Ulla entre o 1 de abril e o 30 de setembro de 2023

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no DOG a resolución pola que se renova o plan de aproveitamento específico desta especie

O tamaño mínimo das anguías terá que ser de 20 centímetros e a única arte de pesca permitida será a nasa-voitirón, cunha cota total de captura de 5.176 quilogramos como máximo para o conxunto das embarcacións autorizadas

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2023 A tempada de pesca da anguía na desembocadura do río Ulla estenderase desde o 1 de abril e ata o 30 de setembro deste ano. Así se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia e pola que se aproba a renovación do plan de aproveitamento específico da especie para 2023.

Así, o tamaño mínimo das capturas será de 20 centímetros, coa obriga por parte dos pescadores de devolver ao río os exemplares que non dean a talla, así como as anguías prateadas e outras especies que entren nas nasas. A cota total autorizada é a mesma que na derradeira tempada, fixada nun máximo de 5.176 quilogramos para o total das embarcacións autorizadas.

Ademais, para poder practicar a pesca da anguía na desembocadura do Ulla, a única arte permitida será a nasa-voitirón, cun tamaño de malla non inferior a 14 milímetros e un límite de 10 artes por tripulante, que serán como máximo 3 por tripulación. As nasas deberán ser levantadas e revisadas diariamente e, se procede, o seu baleirado deberá realizarse o antes posible para evitar a morte das capturas accidentais. Ademais, horario autorizado para a actividade estenderase desde as 12,00 horas do luns ata as 12,00 horas do sábado.

Cómpre lembrar que a pesca da anguía é unha actividade profesional tradicional que se desenvolve nalgunhas zonas de desembocadura dos ríos galegos. No caso concreto do Ulla, o plan de aproveitamento da especie para 2022 autoriza a faenar en tres zonas: o tramo comprendido entre a ponte de Catoira e a liña que une Punta Palleiro con Punta Grandoiro, a que une esta última recta imaxinaria coa que conforman Praia Longa e Punta Seveira, e o treito que conecta esta última parte coa delimitación que establecen Punta Seveira e Punta Rebordexo. Tamén se inclúe, como continuación, o bordo da Illa de Cortegada, ata o faro de dique de Carril.

A partir do 1 de abril, o plan de aproveitamento da anguía autoriza faenar á Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Carril, que conta con 11 embarcacións e un total de 24 tripulantes; e a Confraría de Pescadores Virxe do Carmen de Rianxo, que dispón de 7 barcos e 13 persoas autorizadas para desempeñar a actividade. A comercialización das capturas levarase a cabo na lonxa, estando obrigados os participantes no plan a entregar a totalidade dos exemplares e, mensualmente, remitir ao Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra os xustificantes de venda acompañados dos datos de captura.

Data de actualización: 20/03/2023