A Xunta destaca a empresa coruñesa elPulpo como exemplo da aposta do comercio galego pola sustentabilidade e a dixitalización

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, subliñou na visita ás instalacións desta compañía que o sector se está a revitalizar con novas iniciativas emprendedoras

A Coruña, 20 de marzo de 2023 O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou hoxe na Coruña as instalacións da empresa de moda elPulpo. Durante a visita, Heredia destacou que esta compañía é un exemplo da aposta que está a realizar o comercio galego pola sustentabilidade e a ecoinnovación, e de como o sector se está a revitalizar con novas iniciativas emprendedoras.

Do mesmo xeito, Heredia subliñou a importancia de adaptarse ás novas demandas dos consumidores potenciando a omnicanalidade, integrando as canles de venda presencial e en liña.

O impulso ao sector comercial é un dos eixos da actuación da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, que ata o 28 de marzo ten aberto o prazo de presentación das axudas de ata 17.600 euros para impulsar a dixitalización e a modernización do comercio e do sector artesán galego.

Poden beneficiarse desta iniciativa, á que se destinan 3 millóns de euros, pemes comerciais de menos de 20 traballadores e obradoiros artesáns, e o obxectivo é apoiar ao sector comercial e artesán para que aproveite todas as oportunidades tecnolóxicas para conectar co cliente e achegue unha experiencia de compra única e personalizada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2023