A Xunta inviste preto de 45.000 euros no acondicionamento da estación de autobuses de Ferrol

Os traballos prevén a mellora da iluminación exterior, coa instalación de seis crucetas de 12 focos e a reposición do alumeado interior, ademais de melloras no aparcadoiro, nas dársenas e nos aseos deste edificio

Ferrol, 18 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia executa estes días as obras de acondicionamento da estación de autobuses de Ferrol nas que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste preto 45.000 euros.

Os traballos contemplan a mellora da iluminación exterior coa instalación de seis crucetas con doce focos e a reposición do alumeado interior do edificio, concretamente na zona do vestíbulo.

Ademais na zona do aparcadoiro substituirase a valla e a varanda danadas, así como as sinais de tráfico existentes. Tamén se reparará a beirarrúa e as vallas quitamedos na zona do taller e dársenas. Por último, intervirase nos baños das instalacións, tanto nos da primeiro como no andar baixo, onde se renovarán os sanitarios e se pintarán os teitos.

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, puxo en valor os traballos en tanto dan resposta a unha demanda dos usuarios destas instalacións e reiterou o compromiso da Xunta de Galicia co transporte público ao que destina este ano un orzamento de 90 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/03/2023