A Xunta celebra o apoio da Comisión Europea á proposta da Consellería de Promoción do Emprego para os 300 traballadores despedidos de Alu Ibérica

O departamento que dirixe María Jesús Lorenzana presentou ao Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) un programa de formación, orientación e asesoramento personalizado para o que solicitou un financiamento do 85 % (1,2 M€)
 

A Comisión de Europea (CE) aceptou a iniciativa do Goberno galego que agora ten que ser aprobada polo Parlamento e o Consello de Europa e conta cun investimento total de 1,5 millóns de euros
 

A actuación, consensuada cos axentes sociais, inclúe asistencia na busca de emprego, reciclaxe profesional e formación adaptada á oferta e demanda laboral
 

Propóñense tamén apoios económicos para o desprazamento e para a conciliación para favorecer a asistencia das persoas participantes ás accións, así como 200 euros ao mes durante seis meses si se reincorporan de xeito áxil ao mercado laboral
 

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2023

A Xunta celebra o respaldo da Comisión Europea (CE) á proposta da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade de apoiar a 303 traballadores afectados polos despedimentos de Alu Ibérica na Coruña que tiveron lugar o pasado mes de maio a través dun programa de formación, orientación e asesoramento personalizado para a busca de novos postos de traballo. A iniciativa do departamento que dirixe María Jesús Lorenzana conta cun investimento de 1,5 millóns de euros para o que solicitou ao Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) un apoio económico do 85% (1,2 millóns de euros). A proposta agora require a aprobación do Parlamento e o Consello europeo.

É unha iniciativa consensuada cos axentes sociais que inclúe asesoramento, asistencia na busca de emprego, reciclaxe profesional e formación adaptada á oferta e demanda laboral. Os traballadores recibirán, entre outros, cualificación en competecicas clave e os coñecementos que necesitan para atopar un novo emprego, incluídas capacidades informáticas, operacións e loxística de almacéns e novas técnicas de soldadura.

Así mesmo, o programa inclúe apoio para obter o recoñecemento formal da súa experiencia laboral e unha axuda económica de 200 euros ao mes, durante seis meses, si se reincorporan de xeito áxil ao mercado de traballo. Propóñense tamén incentivos económicos para favorecer a participación das persoas traballadoras nas actividades de busca de emprego e formación a través de apoios ao desprazamento e á conciliación para que os participantes con persoas dependentes ao seu cargo poidan asistir ás diferentes accións de xeito activo.

Os despedimentos en Alu Ibérica tiveron un impacto particular nos traballadores de 45 anos ou máis, polo que teñen máis dificultades de atopar un traballo no mercado de traballo local. É un dos motivos da Administración autonómica para presentar esta iniciativa, xa que considera que estes traballadores precisan dun apoio adicional e específico para aumentar as súas posibilidades de atopar un novo emprego.

Empreganav

Non é a primeira vez que Europa concede a Galicia unha axuda a través do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) co que se apoia aos empregados despedidos e traballadores por conta propia que tiveron que interrompir a súa actividade por unha reestruturación ou polos efectos económicos producidos pola pandemia e pola guerra de Ucraína. Así, Empreganav, do que se fixeron dúas edicións nos últimos anos, contou co respaldo de Europa para axudar ás persoas despedidas do sector naval de Vigo e Ferrol. O último programa de Empreganav desenvolvouese ao longo dos anos 2020 e 2022 finalizando con 521 persoas beneficiarias do proxecto que melloraron a súa empregabilidade (63 % da comarca de Vigo e o restante 37 % de Ferrol).

Un total de 266 usuarios e usuarias foron partícipes da intermediación laboral realizada no marco da iniciativa, das cales o 76 % lograron a inserción efectiva no mundo laboral. É dicir, 202 persoas lograron a súa inserción laboral efectiva no mercado, cerca do 40 % das persoas participantes. Ademais, o 60 % das persoas adheridas ao proxecto estiveron traballando nalgún intre durante a duración do mesmo. O 97 % das persoas usuarias participaron en sesións de orientación laboral.

Data de actualización: 18/03/2023