A xerente do Sergas remarca a importancia do desenvolvemento e implantación de ferramentas de intelixencia artificial nas organizacións sanitarias

Santiago de Compostela, 17 de marzo 2023 A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, clausurou hoxe, no edificio administrativo da Consellería de Sanidade, un curso sobre as novas tecnoloxías bioinformáticas e de análise de datos masivos no ámbito biomédico, dirixido a xestores da saúde. Neste foro, a xerente sinalou que a pandemia deixou patente que a saúde é unha responsabilidade global que vai máis aló do sistema sanitario. De xeito coincidente, a medicina tamén camiña, -dixo a xerente-, cun enfoque máis holístico e, máis que nunca se enfoca a previr, así como á personalización e á precisión.

Segundo sinalou a responsable do Sergas, nesta nova contorna, a información converteuse nun aliado para a toma de decisións, e ten máis que nunca o poder de cambiar a saúde.

A xerente subliñou que no curso, impartido por Bioinformatics, a Universidade Autónoma de Barcelona e o Sergas, e organizado pola Axencia galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), abordouse a dificultade de desenvolver e implantar ferramentas de intelixencia artificial nas organizacións sanitarias. “Se algo está claro é a complexidade á que nos enfrontamos e esta complexidade so pode abordarse con estruturas e unha organización especializada, baseada na cooperación das distintas disciplinas”.

Estrella López-Pardo remarcou que “agora entendemos mellor a necesidade de que os xestores nos impliquemos para abordar o cambio de paradigma que precisa o desenvolvemento da intelixencia artificial”.

Para rematar a súa intervención, incidiu na importancia de seguir avanzando rápido pero sempre nun contexto ético, legal e de pertinencia social e, dende logo, de colaboración e xenerosidade para compartir o coñecemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2023