O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, interveu hoxe na clausura do foro empresarial Xeopolítica e economía no contexto da nova globalización

Galicia traballa desde a estabilidade económica para ofrecer ás empresas galegas o acompañamento necesario para o desenvolvemento da súa actividade

Conde destaca que o obxectivo da Xunta de Galicia é trasladar a estabilidade institucional ao plano económico en forma de seguridade xurídica

Salienta que se levan posto en marcha políticas ambiciosas recollidas por lei vinculadas á simplificación administrativa, á priorización de proxectos estratéxicos e ao solo empresarial, ademais de reivindicar o Corredor Atlántico do Noroeste

Galicia aspira a consolidarse como o polo enerxético do noroeste e a xerar pegada industrial en sectores como a eólica mariña ou a produción de hidróxeno verde
 

Vigo, 17 de marzo de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, manifestou hoxe que Galicia seguirá traballando desde a estabilidade económica para ofrecer ás empresas galegas o acompañamento necesario para o desenvolvemento da súa actividade.

Conde interveu hoxe no foro empresarial Xeopolítica e economía no contexto da nova globalización, organizado pola Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, onde puxo en valor a colaboración público-privada para afrontar os retos do contexto actual.

Segundo dixo, o tecido empresarial demanda axilidade administrativa, a redución de trabas fiscais e burocráticas e un clima favorable ao investimento. En resposta, engadiu, a Xunta traballa por trasladar a estabilidade institucional ao plano económico en forma de seguridade xurídica. E, nesta liña, leva posto en marcha políticas moi ambiciosas recollidas por lei vinculadas á simplificación administrativa, á priorización de proxectos estratéxicos e ao solo empresarial, ademais de reivindicar infraestruturas como o Corredor Atlántico do Noroeste.

Conde recoñeceu que os motivos para o optimismo están, por un lado, nos bos datos da economía galega, que creceu un 3,8% e recuperou xa o PIB previo á pandemia, e bateu un novo récord de exportacións en 2022 superando a barreira dos 30.000M€. E, por outra banda, na oportunidade dos fondos europeos Next Generation. Neste contexto, destacou que Galicia aspira a consolidarse como o polo enerxético do noroeste e a xerar pegada industrial en sectores como a eólica mariña ou a produción de hidróxeno verde.

Data de actualización: 17/03/2023