O presidente do Goberno galego presidiu xunto o mandatario do Principado de Asturias, Adrián Barbón, o encontro bilateral 'El reto demográfico en Asturias y Galicia'

Galicia e Asturias reclaman que Europa teña en conta o envellecemento, dispersión da poboación e baixa natalidade á hora de distribuír fondos

Rueda e Barbón piden ao Goberno de España que solicite á Comisión Europea ampliar o concepto de “zonas escasamente poboadas” para que recolla tamén estes factores

O presidente de Asturias eloxia a Estratexia Retorna impulsada pola Xunta e anuncia que implantará unha medida similar para animar os seus compatriotas no exterior a regresar ao Principado

O titular do Goberno galego insiste na solicitude dunha entrevista coa ministra de Transportes para impulsar o ramal noroeste do Corredor atlántico de mercadorías, que precisa dun investimento de 8.000 M€

Reivindican un modelo de financiamento autonómico que non se basee unicamente na poboación e que teña en conta as necesidades e os custes dos servizos pola dispersión xeográfica
 

Taramundi (Asturias), 17 de marzo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, reclaman que Europa teña en conta o envellecemento, dispersión de poboación e baixa natalidade á hora de distribuír fondos. O titular do Goberno galego presidiu xunto o mandatario asturiano o encontro bilateral El reto demográfico en Asturias y Galicia, un encontro ao que asistiron tamén a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e o conselleiro do Medio Rural, José González, e que se desenvolveu baixo o lema Avanzar xuntos. No foro anunciouse que Asturias e Galicia reclamarán ao Goberno de España que solicite á Unión Europea ampliar o concepto de “zonas escasamente poboadas” para que recolla tamén estes factores. 

Os mandatarios galego e asturiano concordaron na necesidade de que as políticas demográficas sexan políticas integrais porque afectan a todos os ámbitos da xestión. “Trátase dunha cuestión transversal que está presente en todas as decisións; nas infraestruturas, no sistema de pensións e noutros ámbitos”, indicou Alfonso Rueda, quen reclamou outro modelo de financiamento que non teña en conta só a poboación e si as necesidades e os custes dos servizos pola dispersión xeográfica, coincidindo co seu homólogo asturiano en que estas estratexias teñen que ser prioritarias no reparto dos fondos tanto a nivel europeo como estatal, autonómico ou municipal.  

Por ese motivo solicitaron o cambio de criterios na UE para que un territorio sexa declarado como zona escasamente poboada, subliñando a necesidade de incluír a dispersión poboacional e o envellecemento. Esta modificación permitiría que comunidades como Asturias e Galicia contaran con máis fondos para reverter a pirámide poboacional. 

O titular do Goberno galego apostou pola colaboración entre Comunidades que comparten intereses, pero tamén problemas como o demográfico, polo que deu a coñecer en Asturias as medidas que se están aplicando en Galicia para loitar contra o envellecemento e a despoboación. Asturias xa botara man da Tarxeta Benvida galega para introducir axudas por nacemento e adopción, e agora Adrián Barbón non só eloxiou a Estratexia Retorna da Xunta, que permitu o ano pasado que 28.000 galegos regresaran á súa terra de orixe, senón que anunciou tamén que implantará unha medida similar para animar os seus compatriotas no exterior a regresar ao Principado.

 Alfonso Rueda salientou o éxito dunha medida que permitiu que o ano pasado o saldo vexetativo de Galicia fora positivo grazas ao retorno deses case 30.000 galegos que contaron co apoio da Xunta para desenvolver un proxecto de vida na súa terra de orixe, e recordou que este ano se puxera en marcha unha segunda edición coa intención de favorecer a volta doutros 30.000 galegos. 
 
 Rueda enumerou outras medidas que se están a adoptar en Galicia para afrontar o reto demográfico, como a gratuidade das escolas infantís, as casas niño e as casas do maior, a devandita Tarxeta Benvida ou as iniciativas adoptadas para vertebrar mellor o territorio ou facelo máis accesible. 

Alfonso Rueda destacou que o encontro entre os dous mandatarios se encadra na boa relación e nunha habitual colaboración entre Galicia e Asturias que vai máis alá das cores políticas dos seus gobernos, e puxo en valor o alcance da Declaración de Santiago asinada no ano 2021 que está a dar lugar a unha cooperación prolongada no tempo entre Comunidades autónomas que velan por intereses comúns dos seus cidadáns.  

Ramal noroeste do Corredor Atlántico 

Atendendo precisamente ás decisións tomadas hai unhas semanas no cumio que se celebrou en Galicia e ao que asistiron os representantes de Asturias e de Castela e León, Rueda e Barbón insistiron na necesidade de impulsar o ramal noroeste do Corredor atlántico de mercadorías, para que Asturias e Galicia non queden illadas de Europa. Alfonso Rueda insistiu en que esta infraestrutura ten unha necesidade de investimento estimada en 8.000 M€, polo que “non podemos aceptar” que o Goberno prevea gastar só 1.100 M€. O presidente da Xunta anunciou que se vai solicitar unha entrevista coa ministra de Transportes, Raquel Sánchez, para analizar especificamente a situación e as necesidades do Corredor atlántico no noroeste peninsular.

 No decurso do cumio, o mandatario galego asinou co seu homólogo asturiano a Declaración de Taramundi, na que se establece formalizar e facer permanentes este tipo de encontros entre as dúas Comunidades para abordar cuestións como o despoboamento, a dispersión xeográfica, o envellecemento da poboación e a baixa natalidade. No texto acórdase constituír un grupo de traballo que, de forma permanente, permita o intercambio de información para preparar os contidos do seguinte cumio.
 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2023