A Xunta pon en valor o pulo económico e social do sector lácteo galego, que xerou un valor de mercado de máis de 1.300 M€ o ano pasado

Ademais, o sector lácteo produciu no 2022 preto de tres millóns de toneladas de leite, que equivalen ao 41 % da produción española, indicou José Balseiros
 

A Xunta está a levar a cabo diversas liñas de traballo para continuar cos bos resultados do sector primario con medidas como a Contaláctea ou varias liñas de axudas, cuxo investimento ascende a uns 300 millóns de euros en total
 

Santa Comba (A Coruña), 18 de marzo de 2023

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, clausurou hoxe as Xornadas técnicas agrícolas especializadas, no marco da Semana do leite de Santa Comba.

Na súa intervención, o director xeral destacou a importancia do sector primario galego, sobre todo grazas á gandaría -dixo-, que produce máis de 400.000 toneladas de carne cada ano. Mais o maior pulo económico e social do noso agro débese ao sector lácteo -sinalou-, que no 2022 produciu case tres millóns de toneladas de leite -o 41 % da produción española- e tivo un valor de mercado superior aos 1.300 millóns de euros.

Neste senso, o director xeral lembrou que a Xunta está a levar a cabo diversas liñas de traballo para continuar na mesma liña. Por unha banda, a Consellería do Medio Rural segue a desenvolver a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego 2020-2025, que entre as medidas que contempla está a Contaláctea, unha aplicación de xestión económica para acadar datos oficiais de custos de produción cos reforzar a posición negociadora do prezo do leite coa industria.
 
Ademais, José Balseiros recordou as diversas axudas que a Xunta concede ao sector que engloban conceptos como a PAC, plans de mellora, incorporación de mozos, industrias agroalimentarias e seguros agrarios -entre outros- e cuxo investimento ascende a uns 300 millóns de euros en total.
 
A xornada de hoxe estivo conformada por unha mesa redonda acerca da saúde do sector lácteo na Terra do Xallas e por unha charla sobre a PAC e os retos do noso territorio cara ao futuro do sector lácteo na zona, que estivo impartida por José Luis Acción, xefe do servizo de Axudas Agrícolas da PAC do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/03/2023