A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, asinou hoxe o acordo de colaboración entre a Xunta, o Concello de Lugo e Adif

Ethel Vázquez destaca a achega da Xunta ao convenio para investir case 50 M€ na estación intermodal de Lugo e chama a optimizala con máis servizos de tren e conexión co AVE

Vázquez Mourelle salienta o esforzo e a responsabilidade do Goberno galego, que incrementa ata un 50 % a contía que corresponde ao financiamento da terminal de autobuses, que acada os 9 M€, elevando o investimento autonómico ata case os 13,7 M€

Remarca que a Xunta, ademais da terminal de autobuses executará o aparcadoiro subterráneo, cofinanciado con Adif e no que a Administración autonómica asume o 37,5 % do custo, 4,7 M€

Avanza o inicio inmediato da tramitación ambiental ao tempo que se completa o proxecto construtivo da nova estación de autobuses co obxectivo de poder licitar as obras neste mesmo ano e inicialas no 1º trimestre de 2024

Lugo, 17 de marzo de 2023

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destaca a achega da Xunta ao convenio para investir case 50 M€ na estación intermodal de Lugo e chama a optimizala con máis servizos de tren e conexión co AVE.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, rubricou está mañá este acordo en Lugo xunto co secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, David Lucas; a alcaldesa, Lara Méndez; e a presidenta de Adif, María Luisa Domínguez. No acto tamén participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro.

 

Ethel Vázquez subliñou a satisfacción de asinar este acordo no que para o Goberno galego leva moitos anos traballando e negociando coas administracións implicadas para facer realidade esta infraestrutura estratéxica para Lugo. Este convenio, explicou, ratifica e pon sobre o papel as responsabilidades que asume cada administración para a execución e financiamento das actuacións para que Lugo e os seus veciños dispoñan dunha estación intermodal de futuro e adaptada ás necesidades de transporte dos seus cidadáns cun investimento conxunto de 49,2 M€.

 

Ethel Vázquez salientou que desde o Goberno galego non se escatimaron esforzos e se fixo un exercicio de responsabilidade e de xenerosidade incrementando ata un 50 % a contía que correspondería achegar para financiar a nova estación de autobuses, elevando o investimento autonómico ata case os 13,7 M€. A Xunta executará a nova terminal, xunto co aparcadoiro, que responde ás necesidades da terminal ferroviaria.

 

Para iso, tal e como indicou, a Xunta ten iniciado xa a correspondente tramitación urbanística, segundo a Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese, que facilitará a execución e permitirá acurtar os prazos do procedemento.

 

A conselleira avanzou que a Xunta iniciará de xeito inmediato o trámite ambiental e está cos traballos que quedan pendentes para completar o proxecto construtivo da nova estación de autobuses, co obxectivo de licitar as obras este mesmo ano e inicialas no 1º trimestre de 2024.

 

Ethel Vázquez incidiu en que a Xunta executará unha nova estación de autobuses integrada na estación de tren, cun investimento autonómico de 9 M€. Será unha estación moderna, accesible e preparada para prestar o mellor servizo. O edificio terá 2 andares e 550 m² de superficie en planta; con 23 dársenas, espazos diáfanos e uns accesos axeitados.

 

Estímase que serán preto de 620.000 viaxeiros os que empreguen a nova terminal de autobuses, que poderán facer o intercambio coa estación de tren en tan só 2 minutos.

 

Terá, tamén un gran aparcadoiro subterráneo, de 240 prazas asociadas ás necesidades da terminal ferroviaria. Por iso, explicou a conselleira, é Adif quen redacta o proxecto, aínda que será a Xunta a encargada da súa construción, conxuntamente coa estación de autobuses, ademais de asumir o 37,5 % do investimento necesario, cunha achega autonómica que segundo precisou será de 4,7 M€ para o aparcadoiro.

 

As pezas que conforman o puzle da intermodal de Lugo complétanse coa nova estación ferroviaria, que inclúe un novo edificio e un paso inferior, de responsabilidade de Adif, e coa integración urbana, que se conseguirá, principalmente, coa construción dun novo paso de cidade, un paso inferior peonil entre o centro urbano e o parque do Sagrado Corazón, que conectará ambos os lados das vías, vertebrando a cidade.

 

Ethel Vázquez fixo fincapé nas actuacións ratificadas neste convenio para dotar Lugo dunha intermodal de futuro, cunha nova terminal de autobuses moderna, eficiente e funcional; modernizando a estación ferroviaria; habilitando un verdadeiro nó de comunicacións de intercambio rápido e seguro, no que os viaxeiros poden transbordar entre o tren e o autobús en cuestión de 2 minutos, e totalmente integrada na trama urbana.

 

Avanzou que a Xunta asume tamén o compromiso de manter parcialmente en uso como intercambiador de transporte a vella terminal, procurando, de forma dialogada e consensuada, o camiño que permita asegurar que ese equipamento segue a contribuír a dinamizar a vida social e comercial do barrio no que se asenta.

 

Ethel Vázquez defendeu que para obter o rendemento necesario desta grande infraestrutura se necesita completala cunha axeitada oferta de servizos, polo que optimizar esta estación intermodal pasa por obter o máximo rendemento do ferrocarril da alta velocidade.

 

Así, a conselleira manifestou que o traballo debe continuar, dado que para que a intermodal cumpra co cometido co que está concibida debe haber trens e alta velocidade, algo que a Xunta seguirá demandando con ánimo construtivo e cunha lealdade institucional que se agarda sempre ver correspondida.

 

A titular de infraestruturas da Xunta apelou á obriga de conseguir que a construción da estación intermodal de Lugo vaia parella a iniciativas peonís innovadoras que permitan achegala á cidade, a un reforzo da oferta de servizos e a garantías de conexión coa alta velocidade ata cumprir os tempos de viaxe comprometidos, 3 horas e 47 minutos na conexión con Madrid.

 

Congratulouse do paso dado hoxe coa sinatura deste convenio e referiuse aos retos pendentes para Lugo e toda a provincia, como o necesario impulso do Corredor Atlántico de mercadorías, do que se aspira a que forme parte do seu trazado tamén a conexión Monforte-Lugo-A Coruña-Ferrol.

 

Por último, referiuse á necesidade dunha resposta áxil e urxente para reconstrución os viadutos da A-6, que manteñen pechada en Pedrafita unha das principais arterias de comunicación de Galicia coa Meseta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2023