A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, inaugurou a asemblea xeral ordinaria do Clúster da Función Loxística de Galicia

A Xunta convida ao Clúster da Loxística a traballar conxuntamente para impulsar o Corredor Atlántico e defender as prioridades de Galicia ante o comisionado

Ethel Vázquez salienta a frutífera colaboración entre o Goberno galego e o Clúster, a través das mesas de diálogo do transporte por estrada ou o Observatorio de Custos de Transporte de Mercadorías por Estrada

Lembra que esta semana se introduciu unha actualización do Observatorio para incluír o impacto nos custos do transporte da suba das peaxes das autoestradas estatais e da disolución de urea, de adquisición obrigada para reducir emisións

A conselleira avanza un convenio de colaboración entre a Xunta e o Clúster para desenvolver a estratexia loxística e de transporte da comunidade autónoma

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, convidou hoxe ao Clúster da Función Loxística de Galicia a continuar traballando conxuntamente para impulsar o Corredor Atlántico e defender as prioridades de Galicia ante o recentemente creado Comisionado do Goberno para esta rede de transporte.

 

Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, inaugurou esta tarde en Santiago de Compostela a asemblea xeral do Clúster da Función Loxística de Galicia. Salientou a frutífera colaboración entre o Goberno galego e a entidade, a través das mesas de diálogo do transporte por estrada ou o Observatorio de Custos de Transporte de Mercadorías por Estrada, OTRAME, que ofrece útiles funcionalidades para a planificación e funcionamento da loxística.

 

Lembrou que esta semana se introduciu unha nova actualización do Observatorio para incluír o impacto nos custos do transporte da suba das peaxes das autoestradas estatais e da disolución de urea, de adquisición obrigada para reducir emisións.

 

No marco desta coordinación, a conselleira avanzou a intención de formalizar un convenio entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Clúster para o desenvolvemento da estratexia loxística e de transporte da comunidade autónoma.

 

Fixo fincapé na importancia de forxar alianzas na defensa dos intereses comúns de Galicia, dos seus cidadáns e dos seus empresarios.

 

Recordou que Galicia é unha ponte con América latina, fachada atlántica de Europa e polo tanto, precisa de conexións terrestres adecuadas para achegarse ao resto de España e de Europa. Neste sentido, cómpre dar resposta a diversos retos no eido das infraestruturas ferroviarias ou viarias.

 

No que se refire ás estradas, apuntou que é preciso solucionar problemas conxunturais, da gravidade dos derivados do peche dos viadutos de Pedrafita ou da inadecuada conservación de varios puntos da rede viaria estatal.

 

Tamén remarcou a necesidade de pór fin ao estancamento das novas conexións viarias dependentes do Estado, como a Autovía da Mariña, a autovía Ourense-Ponferrada.

 

Engadiu como reto superar problemas de futuro como a escaseza de profesionais do transporte, un posible futuro con peaxes nas autovías ou o avance da dixitalización e a innovación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2023