Galicia reivindica o papel das comunidades no deseño de políticas de emprego e lamenta o desvencellamento do Ministerio de Educación do tecido produtivo

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou co resto das comunidades autónomas na Conferencia sectorial do sistema de cualificacións e formación profesional para o emprego


Lamentou que os plans do Goberno central para desenvolver a Lei orgánica de formación profesional introduza trabas administrativas que condicionarán a axilidade e flexibilidade da formación para o emprego necesaria na actual contexto económico


Galicia esixiu ao Ministerio de Educación explicacións acerca da anulación da orde de axudas por 24,5 M€ financiadas con fondos europeos para a cualificación profesional e que adxudicara de forma provisional
 

Madrid, 16 de marzo de 2023 

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na Conferencia sectorial do sistema de cualificacións e formación profesional para o emprego, na que lamentou a anulación, por parte do Goberno central, de 24,5 millóns de euros en axudas para a formación xa adxudicadas de xeito provisional a 450 empresas e oenegués con cargo a fondos europeos e reivindicou, unha vez máis, o papel das comunidades autónomas no deseño das políticas de emprego achegadas á realidade para apoiar ao tecido produtivo.

Na xuntanza, que contou coa presenza da secretaria xeral de Formación Profesional e representantes das comunidades autónomas, Lorenzana escenificou o seu desacordo coas medidas que contempla o proxecto de Real decreto que desenvolverá a Lei orgánica de ordenación e integración da formación profesional aprobada hai un ano no Congreso “porque dificulta terriblemente e remite a unha rixidez insostible para o tecido produtivo”.  

“Agora mesmo as empresas precisan dunha formación moi áxil para os traballadores e os desempregados precisan tamén unha formación similar”, aseverou a representante da Xunta, quen lamentou que o real decreto introduce unha serie de trabas burocráticas e administrativas que complican o traballo das comunidades autónomas, “as competentes en políticas activas de emprego”, aseverou.

A conselleira lembrou que Galicia solicitou ao ministerio “maior deferencia” con elas e “coordinación” nas cuestións relacionadas cos servizos públicos de emprego.

Na mesma liña, a representante da Xunta de Galicia reclamou ao Goberno central aclaracións acerca da anulación da convocatoria pública de axudas, cun orzamento de 25 millóns de euros con cargo aos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e resiliencia (MRR), para a cualificación e recualificación de persoas traballadoras en sectores estratéxicos.

Estas axudas xa foran adxudicadas provisionalmente a 450 empresas e oenegués. “Consideramos que a anulación non respecta o procedemento administrativo e se fai un ano despois de ter comezado a tramitación”, especificou a conselleira, quen considerou que con esta actuación, unha vez máis o Ministerio de Educación amosa a súa incapacidade para adaptarse ás necesidades das empresas: “o ministerio non está en contacto co empresariado nin coas traballadoras nin traballadores”, afirmou

Data de actualización: 16/03/2023