A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático visitou hoxe Navia de Suarna

A Xunta e Ecoembes completan a implantación en Galicia da recollida selectiva de envases lixeiros e papel-cartón

Sagrario Pérez salienta que unha gran maioría dos galegos están xa totalmente comprometidos coa xestión sustentable e eficiente dos residuos urbanos e cun consumo máis responsable nos seus fogares

Navia de Suarna (Lugo), 16 de marzo de 2023

A Xunta e Ecoembes completan a implantación en Galicia da recollida selectiva de envases lixeiros e papel-cartón, tal e como explicou hoxe a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, durante unha visita a Navia de Suarna, na que estivo acompañada por Bruno de Llano, representante en Galicia da organización ambiental.

A directora xeral puxo en valor que, logo da incorporación de Navia de Suarna e Negueira de Muñiz ao sistema de recollida selectiva, todos os habitantes da Comunidade poderán separar os refugallos que xeren e darlles unha nova vida a través da reciclaxe. E, nesa liña, salientou que unha gran maioría dos galegos están xa totalmente comprometidos coa xestión sustentable e eficiente dos residuos urbanos e cun consumo máis responsable nos seus fogares.

Logo de reiterar a que a Xunta aposta pola equidade de servizos, a directora xeral incidiu en que “cada xesto conta e todos temos un papel que xogar na loita contra o cambio climático”, polo que o Goberno galego seguirá a traballar para concienciar á cidadanía da importancia da correcta separación en orixe e posterior depósito nos contedores, para propiciar a transformación en novos produtos, contribuíndo ao aforro de enerxía e materias primas.

Así, ademais de ter realizado unha campaña de información á veciñanza sobre a recollida selectiva, no concello de Navia de Suarna instaláronse 30 contedores amarelos para o depósito de plásticos, latas e bricks, e 9 azuis para papel e cartón. No caso de Negueira de Muñiz, que xa contaba con contedores azuis, disporá de 35 instalacións para a recollida de envases lixeiros (20 contedores e 15 cubos).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2023