A Xunta convoca por 1 M€ axudas á rehabilitación e mellora de vivendas de promoción pública

Estas subvencións, das que xa se beneficiaron preto de 3900 inmobles desde o ano 2016, van dirixidas a comunidades de propietarios de vivendas en edificios promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou transferidos ao mesmo

Entre mañá e o vindeiro 16 de xuño os interesados poderán solicitar incentivos de ata o 60% do orzamento das obras e cun importe máximo de 6.000 € por vivenda

 

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia destinará este ano 1 millón de euros a axudar a comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública (VPP) para a reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) ou transferidos á Comunidade autónoma, segundo establece a resolución que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia coa convocatoria das mesmas para 2023.

Destas subvencións, que xa favoreceron a preto de 3900 vivendas de promoción pública desde o ano 2016, poderán beneficiarse as comunidades de propietarios deste tipo de edificios sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para realizar obras polo mesmo concepto nos 10 anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria.

Ademais, para poder optar a estas axudas os edificios deberán cumprir unha serie de requisitos indicados na propia orde como, por exemplo, reunir as necesarias condicións de seguridade estrutural.

En canto ás actuacións subvencionables, consideraranse como tales todas aquelas obras destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios incluídos no ámbito de aplicación destas axudas que comprendan todos ou algúns dos seguintes traballos:

a) adecuación das condicións de seguridade: obras que proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a accidentes ou sinistros;

b) adecuación das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, ou mellora das instalacións de calefacción;

c) adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio unha mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa;

d) adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas, ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.

As actuacións deberán axustarse á normativa técnica vixente no momento da súa execución e poderán estar iniciadas no momento de solicitar a subvención, sempre que non teñan comezado antes do 1 de xaneiro de 2023 e non estea executado máis dun 60% do custo total das obras.

A contía da subvención poderá chegar ata o 60% do orzamento subvencionable, cun máximo de 6.000 euros por vivenda. En canto á presentación de solicitudes, as comunidades interesadas poderán facelo a partir de mañá e ata o vindeiro 16 de xuño.

Por último, cómpre subliñar que o ano pasado, no marco da convocatoria deste mesmo programa, concedéronse axudas para actuar sobre un total de 478 vivendas, executándose o 95% dos fondos dispoñibles.

Data de actualización: 16/03/2023