A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación da Feira do queixo de Friol e pan de Ousá

Madrid, 16 de marzo de 2023

O director da Casa de Galicia en Madrid, Juan Serrano, recibiu ao alcalde de Friol, José Ángel Santos, quen presentou a Feira do queixo de Friol e pan de Ousá, que terá lugar o próximo 26 de marzo na Praza Andón Cebreiro e no Parque Rosalía de Castro do municipio.

O director da Casa de Galicia manifestou ter no seu ADN o rural galego no que traballou desde moi novo e puxo en valor estes produtos que foron degustados tras a presentación por un cento de persoas.
 
O alcalde do municipio lucense, José Ángel Santos, salientou en Madrid a maior festa de Friol, declarada de Interese Turístico de Galicia en 2022, na que se promoven o seu queixo tradicional e o seu pan artesán, as súas paisaxes naturais, situadas no corazón verde de Galicia e, sobre todo, a hospitalidade da súa xente.

A Feira do queixo de Friol e pan de Ousá é una cita anual que distingue a Friol como un lugar de referencia gastronómica en Galicia, dous produtos que celebran con moito orgullo neste municipio lucense, xa que son os seus principais sinais de identidade.

Esta festa tradicional representa o maior escaparate turístico para Friol, e potencia a actividade económica tanto local como na provincia de Lugo, sobre todo do sector primario e dos produtos agroalimentarios.

O alcalde, José Ángel Santos, explicou que , con esta visita á Casa de Galicia de Madrid, procúrase que o pobo de Friol teña unha maior visibilidade en todo o país e tamén fóra del e que a edición deste ano consiga récords de asistencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2023