A Xunta apoia a mellora do local social da asociación veciñal ‘Praza do Comercio’ da Coruña

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou as instalacións da entidade, nas que o Goberno galego investiu nos últimos dous anos máis de 33.300 euros

As accións enmárcanse no Plan específico de acción comunitaria, dotado con 3 M€ e destinado a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais

A Coruña, 15 de marzo de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe o local social da asociación de veciños coruñesa Praza do Comercio para coñecer as mellores realizadas co apoio da Xunta ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria. O Goberno galego investiu máis de 33.300 euros na reforma e equipamento das instalacións no marco das convocatorias de 2021 e 2022 desta liña de axudas, dotada con 3 M€ e dirixida a asociacións veciñais e de mulleres rurais, e a comunidades de usuarios de augas.

As actuacións realizadas o pasado ano consistiron na reforma do local, con accións de demolición, pintura, cambio de chan, iluminación e reforma do aseo para adaptar o espazo aos usos de cursos para persoas maiores, actividades de colectivos locais, formación e participación social. A achega da Xunta para este acondicionamento foi de 11.749 euros. A maiores, a asociación recibiu outros 4.600 euros para a adquisición de equipamento básico, como mobiliario, equipos informáticos e outros elementos precisos para a celebración de xuntanzas sociais e eventos.    

Estas actuacións complementan as desenvolvidas en 2021, tamén co apoio da Xunta, e que supuxeron unha achega da Administración autonómica de 16.950 euros, 11.950 para obras e 5.000 para equipamento.

Durante a visita a directora xeral referiuse ao importante labor desenvolvido polo asociacionismo local a prol da dinamización da vida social nos barrios das grandes cidades, como é o caso da entidade Praza do Comercio. Nesta liña, incidiu na necesidade de que conten con espazos axeitados para o desenvolvemento das súas actividades co maior confort para as persoas usuarias, obxectivo fundamental do Plan específico de acción comunitaria.

Apoio a 17 entidades locais da provincia da Coruña

No marco desta iniciativa o Goberno galego destinou o pasado ano 216.637 euros ao apoio de entidades locais na provincia da Coruña, que se distribuiron entre 17 entidades. A meirande parte delas, 12, foron asociacións de veciños que recibiron 157.487 euros. Outros 45.782 euros foron para catro comunidades de usuarios de augas, e 13.367 euros a unha asociación de mulleres rurais.

 

Segundo explicou a directora xeral, na actualidade estanse xa a valorar as solicitudes recibidas para acollerse á convocatoria do Plan específico de acción comunitaria deste ano.

 

A orde de 2023 conta con dúas liñas diferenciadas de subvencións, unha delas, dotada con 2,5 millóns de euros, destínase a obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e para obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas.

Os 500.000 euros restantes da outra liña financian a adquisición de equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias. En concreto, mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual ademais doutros recursos para actividades específicas.

Desde a súa posta en marcha, en 2016, a Xunta leva investido no Plan preto de 16 millóns de euros cos que se apoiaron máis de 1.300 proxectos en toda Galicia.

Data de actualización: 15/03/2023