A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático participou nunha xornada para expoñer as políticas de loita contra este fenómeno

A Xunta expón ante a Convención Marco da ONU as estratexias de Galicia fronte ao cambio climático

O Goberno galego foi seleccionado para compartir a súa experiencia xunto ás comunidades autónomas da Rioxa, Andalucía, Murcia e País Vasco

A Comunidade ten a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 como folla de ruta que sustenta os instrumentos e liñas de actuación nesta materia

Sagrario Pérez salienta tanto o traballo desenvolvido pola Oficina Técnica do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía como a iniciativa Alianza galega polo clima

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2023

A Xunta expuxo ante a Comisión Marco das Nacións Unidas as estratexias que se están a desenvolver na Comunidade para cumprir os obxectivos de mitigación e promover a adaptación ao cambio climático.

 

Cómpre salientar que a Xunta foi seleccionada para compartir a súa experiencia xunto ás comunidades autónomas da Rioxa, Andalucía, Murcia e País Vasco ao abeiro da xornada de presentación da Oitava Comunicación Nacional e do Quinto Informe Bienal de España e dos gobernos rexionais no marco desta comisión.

 

Durante a súa intervención, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, reiterou que o obxectivo da Xunta é que Galicia acade a neutralidade climática o antes posible e, de feito, xa asumiu o compromiso europeo de reducir as emisións de gases nun 57 % en 2030.

 

Nesa liña, Pérez explicou que a Comunidade ten a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 como “folla de ruta” que sustenta os instrumentos e liñas de actuación do Goberno galego nesta materia e que se basean en catro piares estratéxicos: a mitigación, a adaptación, a investigación e a innovación, e a dimensión social, gobernanza e sensibilización.

 

A directora xeral tamén puxo en valor tanto o traballo desenvolvido pola Oficina Técnica do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía, que permitiu pasar dos 22 concellos adheridos en 2018 aos 285 actuais, como a iniciativa Alianza galega polo clima, que con 50 entidades adheridas supón un exemplo de colaboración para crear sinerxías entre os sectores público e privado.

 

A maiores, o Goberno galego está a preparar a que será a primeira Lei do clima de Galicia, unha norma que considerará a cuestión climática como un valor prioritario en todas as políticas que se desenvolvan na Comunidade e que recoñecerá a obriga legal de acadar a neutralidade climática en 2050. Esta proposta lexislativa, que ten como obxectivo aumentar a resiliencia, está previsto que inclúa medidas para mellorar a eficiencia enerxética, protexer o medio ambiente e apoiar ás entidades locais na toma de medidas contra o cambio climático.

 

Finalmente, no campo da investigación e a innovación, a Xunta deu a coñecer o proxecto SICLE-CO2: solucións innovadoras para compensar as emisións de carbono, que utiliza propostas novidosas para compensar as emanacións de gases de diversas fontes como o transporte ou a industria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/03/2023