A Xunta destinará este ano 6,5 M€ a actuacións para embelecer o litoral galego
Van dirixidas á rehabilitación de espazos singulares, a accións que contribúan a unha mellor integración coa paisaxe, a mellora da fachada turística e a corrixir impactos paisaxísticos en zonas costeiras
“Trátase de impulsar o fermosismo; mirando cara ao mar e desde o mar cara á nosa costa”, valorou o presidente do Goberno galego, quen defendeu que o coidado do medio ambiente “vai seguir traendo turistas a Galicia, e máis no noso litoral”
Ábrense dúas liñas de axuda, unha dirixida a concellos, cun importe de máis de 4,4 M€, e outra dirixida a establecementos turísticos, por máis de 2 M€
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe a partida de 6,5 millóns de euros á que o Consello da Xunta lle deu o visto e prace para destinar durante este ano a actuacións de embelecemento do litoral da nosa comunidade e fomentar un turismo sustentable. En concreto, detallou que estas ayudas van dirixidas á rehabilitación de espazos singulares, a accións que contribúan a unha mellora da integración coa paisaxe, á mellora da fachada turística e a corrixir impactos paisaxísticos en zonas costeiras.
Axudas a concellos do litoral galego
Na liña de axudas dirixida a concellos, poderán ser beneficiarios os concellos situados no territorio do litoral galego, que son un total de 71 repartidos ao longo da costa galega entre os que están na provincia de Pontevedra: Catoira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Cambados, Meaño, Sanxenxo, O Grove, Poio, Pontevedra, Marín, Bueu, Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda. Na provincia de Lugo poderán ser beneficiarios os concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo.
Nestas axudas a concellos o orzamento divídese en tres liñas de actuación subvencionables: transición verde e ecolóxica, cun orzamento de 2.700.000 euros, transición dixital, cun orzamento de 675.000 euros, e transición accesible e inclusiva, cun orzamento de 1.100.000 euros.
Axudas a establecementos turísticos
Na liña de axudas dirixida a establecementos turísticos poderán ser persoas beneficiarias as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración situados en municipios costeiros, que teñan autorizado ou clasificado o establecemento no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia.