Esta ferramenta, impulsada pola Xunta da man do sector, facilita as simulacións sobre o custo asociado ao transporte segundo os tipos de mercadorías e vehículo empregado

O Observatorio de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia actualiza os prezos asociados ao servizo para facilitar simulacións sobre o seu custo

Os datos do Observatorio revelan que se triplicou o custo do financiamento nos últimos 12 meses, incrementándose o tipo de xuro en máis dun 6 % de decembro para xaneiro

Pese á conxelación da Xunta das peaxes das autoestradas autonómicas, a suba das tarifas das autoestradas estatais AP-9 e da AP-53 nun 4 %, aprobada polo Goberno de España, obrigou a revisión á alza deste parámetro

O terceiro indicador que sufriu unha maior variación anual é a adquisición da disolución de urea para a redución de emisións de gases nocivos, que incrementou o seu prezo en máis dun 65 %, situándose en torno a 1 euro por litro

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2023

O Observatorio do Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia, OTRAME, vén de actualizar os prezos asociados ao servizo de transporte co fin de facilitar simulacións sobre o seu custo tanto a empresas, como a profesionais ou clientes destes servizos.

 

Esta ferramenta, impulsada pola Xunta da man do sector, facilita a realización de simulacións sobre o custo asociado ao transporte de distintos tipos de mercadorías, segundo o tipo de vehículo empregado.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade realizou nos meses de xaneiro e de febreiro de 2023 a actualización anual dos parámetros que inciden nos custos da actividade do transporte por estrada de Galicia, revelándose o tipo de xuro, o custo das peaxes e a disolución de urea como os indicadores que sufriron unha maior variación de prezo.

 

Deste xeito, segundo os datos do Observatorio do Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia, nos últimos doce meses triplicouse o custo do financiamento, sendo máis acusado desde xullo de 2022. En concreto, de decembro para xaneiro o tipo de xuro incrementouse en máis dun 6 %.

 

Ademais, aínda que a Xunta conxelou as peaxes das autoestradas autonómicas, a suba das tarifas das autoestradas estatais AP-9 e da AP-53 nun 4 %, aprobada polo Goberno de España, obrigou a unha revisión á alza deste parámetro.

 

O terceiro parámetro que sufriu unha maior variación anual é a adquisición da disolución de urea, comercializada baixo distintas marcas, e empregada para a redución de emisións de gases nocivos, que incrementou o seu prezo en máis dun 65 % para situarse en torno a 1 euro por litro, sen IVE.

 

A Consellería, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, actualiza mensualmente os datos con maior variabilidade, como o prezo do carburante ou o tipo de xuro, e anualmente avalía os parámetros máis estables, como a ITV, o imposto de circulación IVTM ou as peaxes.

 

O Observatorio de custos de transportes de mercadorías por estrada de Galicia, que entrou en funcionamento no ano 2020, conta con información actualizada que permite calcular as tarifas asociadas a 18 modalidades de actividades diferentes, desde os transportes de carga xeral en diferentes tipos de vehículos, a transportes frigoríficos, portavehículos, portacontedores, graneis, cisternas, obra, transporte de animais vivos, de mercadorías perigosas ou transporte en furgoneta, entre outros.

 

Esta ferramenta ofrece ás empresas a posibilidade de realizar simulacións partindo dos custos previstos con carácter xeral para un determinado transporte ou personalizar esta información, adecuándoa á súa situación concreta ou ao tipo de vehículo que empregan para desenvolver a súa actividade. Adicionalmente poden realizar cálculos personalizados indicando a orixe e o destino dos seus servizos, xa que se incorporou á aplicación a funcionalidade de cálculo de rutas e tempos de percorrido.

 

O Observatorio mantén actualizadas variables como o custo dos carburantes, da man de obra e outros parámetros necesarios para o cálculo correcto do que pode supoñer un servizo de transporte.

 

A Xunta creou o Observatorio de custos de transportes de mercancías por estrada de Galicia e impulsou a aplicación web para poñer ao servizo do sector unha ferramenta que lles achega información contrastada do custo real que supoñen os servizos de transporte, facilitando, tanto ás empresas como ao resto de operadores que contratan estes servizos, simulacións dos importes asociados á prestación destas actividades.

 

Pódese acceder a este observatorio a través do seguinte link:

Data de actualización: 15/03/2023