A Xunta defende que Cerceda ten que seguir sendo un dos motores enerxéticos de Galicia a través do binomio industria-sustentabilidade

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá nunha xornada informativa, onde defendeu que o avance enerxético non pode deixar atrás ao tecido industrial

Cerceda (A Coruña), 15 de marzo de 2023 O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá en Cerceda nunha xornada informativa sobre o Convenio de Transición Xusta de Meirama. Na súa intervención asegurou que a Xunta defende que Cerceda continúe sendo un dos motores enerxéticos de Galicia a través do binomio industria-sustentabilidade.

O director xeral explicou que a transición enerxética é necesaria pero que require dunha planificación ordenada e, sobre todo, non deixar atrás ao tecido industrial. Por iso a visión da Xunta é a dunha transición ligada á industria, vinculando os proxectos enerxéticos ás grandes iniciativas industriais. Desde este punto de vista, o Goberno galego activará axudas para proxectos singulares de descarbonización e renovación industrial, comunidades enerxéticas nos polígonos industriais, e incentivaranse proxectos de hidróxeno verde, almacenamento enerxético e compoñentes para enerxías renovables.

Fernández Vila, que incidiu no papel exemplarizante e incentivador que as administracións teñen que adoptar neste momento de transición, ratificou o compromiso da Xunta con este cambio sustentable a través de instrumentos como a Axenda Enerxética de Galicia 2030, a futura Lei do Clima de Galicia ou a Alianza Galega polo Clima.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/03/2023