A conselleira do Mar inaugurou a última xornada de reunións celebradas esta semana en Galicia polo comité executivo do Consello Consultivo Rexional para as Augas Noroccidentais

Galicia apela á creación de alianzas entre as rexións pesqueiras europeas para defender os intereses da frota ante as restricións procedentes de Bruxelas

A titular de Mar defendeu o equilibrio entre os aspectos ambientais, sociais e económicos para manter a actividade produtiva tendo en conta as intencións da Comisión Europea de limitar en augas comunitarias artes de pesca como o arrastre

Rosa Quintana agradeceu á organización que elixise Galicia para celebrar as súas reunións ao supoñer unha oportunidade para poñer en común aqueles asuntos que preocupan actualmente, contribuíndo á conformación dunha política pesqueira xusta

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2023 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, remarcou hoxe a necesidade de contar cunha alianza forte a nivel europeo de colaboración entre as distintas rexións con intereses pesqueiros para facer fronte ás continuas ameazas procedentes de Bruxelas. Así o indicou durante a inauguración da última xornada de reunións do comité executivo do Consello Consultivo Rexional para as Augas Noroccidentais, que se están a celebrar esta semana en Santiago de Compostela e onde estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta.

Tendo en conta que un dos obxectivos deste Consello pasa por constituír un foro aberto de diálogo entre o sector pesqueiro, as ONG medioambientalistas, os representantes dos consumidores, a pesca recreativa e a sociedade civil, a titular de Mar enxalzou o labor desenvolvido por este foro como “exemplo de éxito na participación das partes implicadas no desenvolvemento dunha xestión pesqueira eficaz, en colaboración cos estados membro e a Comisión Europea”.

Nesta liña, reclamou a necesidade de apostar polo equilibrio entre os aspectos ambientais, sociais e económicos como clave para manter a actividade produtiva e comercial e apelou á unión de forzas para tratar de frear a posta en marcha de normativas por parte da Comisión Europea que pretenden restrinxir nos vindeiros anos determinadas artes de pesca en augas comunitarias como o arrastre. Todo co obxectivo de evitar os efectos perniciosos que poden ter na frota decisións arbitrarias e inxustificadas como o veto á pesca de fondo aprobado o ano pasado en 87 áreas de augas comunitarias.

“Decisións incomprensibles que castigan ao principal interesado en manter o medio mariño en bo estado: o noso sector pesqueiro”, asegurou Rosa Quintana, que fixo referencia ademais á recente pretensión de Irlanda de vedar a pesca noutros dous caladoiros de Gran Sol.

A conselleira agradeceu na súa intervención á organización que escollese Galicia para celebrar o evento, vencellado de maneira estreita coa comunidade ao ter a frota galega presenza en augas comunitarias e por estar á fronte de dous dos seus grupos de traballo o xerente da Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) Porto de Celeiro, Suso Lourido.

A este respecto, a representante do Executivo autonómico amosou o seu apoio a todos os seus membros xa que Galicia comparte a súa idea de obter resultados equilibrados, froito da atención e desde a inclusión, tendo en conta os intereses da industria e das comunidades costeiras. “É unha oportunidade para poñer en común o que nos preocupa contribuíndo á conformación dunha política pesqueira xusta”, asegurou.

Consellos Consultivos Rexionais

Estes órganos foron creados durante o proceso de consulta previo á elaboración do regulamento da Política Pesqueira Común (PPC) de 2003 a 2013 como unha forma de garantir a participación das partes interesadas nos procesos de formulación de políticas de xestión pesqueira.

O Consello Consultivo Rexional para as Augas Noroccidentais que esta semana se reúne en Santiago foi constituído en 2005 como un órgano representativo das partes interesadas no ámbito da xestión pesqueira, recoñecido legalmente como unha organización cun fin de interese europeo. Neste sentido, constitúe o principal órgano consultivo da Comisión Europea no ámbito de cuestións relacionadas coa xestión das pesqueiras en augas adxacentes a Irlanda, Reino Unido e Francia.

Este organismo reúnese varias veces ao ano para debater, intercambiar opinións e formular propostas que se elaborarán e emitirán baixo a forma de recomendacións e ditames adoptados por consenso como regra xeral, e que serán enviados á Comisión Europea e aos estados membro costeiros interesados para a súa toma en consideración.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 15/03/2023