A Xunta e o Colexio Profesional de Informáticos renovan a colaboración para levar Navega con rumbo a 240 centros de ensino este curso

O conselleiro de Educación e o presidente da entidade asinan un convenio para o desenvolvemento da undécima edición desta iniciativa

Guíase aos rapaces cara unha navegación segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da rede

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Fernando Suárez, asinaron hoxe o convenio de colaboración para desenvolver neste curso o programa Navega con rumbo en 240 centros educativos de toda a Comunidade. Trátase da undécima edición desta iniciativa incluída entre as accións da Estratexia de Educación Dixital 2030.

O programa está encamiñado, por unha banda, ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, 1º de ESO e 1º de FP Básica, para guialos cara unha navegación segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da rede. Por outra banda, faise partícipe a profesorado e familias das recomendacións que eles poden aprender de xeito que tamén sexan transmisores para o alumnado.

Ao abeiro do mesmo, especialistas do Colexio de Enxeñaría Informática levarán a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración nos colexios e institutos. Ademais, desenvolverá unha nova web asociada ao proxecto na que se porá a disposición información de interese para a comunidade educativa.

Desde que se puxo en marcha, a través do Navega con rumbo leváronse a cabo máis de 2.000 accións formativas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/03/2023