A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe as actuacións realizadas no río Mera

A Xunta reitera o seu compromiso coa conservación das canles fluviais a través do proxecto Mil Ríos, que conta cun investimento de 5 M€

Ángeles Vázquez subliña que esta iniciativa pretende a restauración destes ámbitos, o incremento da biodiversidade e a optimización da conectividade ecolóxica

No caso do río Mera, a actuación conta cun orzamento de preto de 400.000 € para restaurar a vexetación de ribeira mediante a retirada da herbácea exótica invasora Crocosmia x crocosmiiflora

Ortigueira (A Coruña), 14 de marzo de 2023 A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reiterou hoxe o compromiso do Goberno galego coa conservación das canles fluviais a través do proxecto Mil Ríos, unha iniciativa que, cun orzamento de 5 millóns de euros de fondos europeos, ten como obxectivo a restauración destes ámbitos, o incremento da biodiversidade e a optimización da conectividade ecolóxica.

Durante unha visita ás actuacións realizadas ao abeiro desta iniciativa no río Mera con motivo da celebración do Día mundial de acción polos ríos, Ángeles Vázquez subliñou que os traballos, cuxo prazo de execución remata en 2024, pretenden controlar as especies exóticas invasoras; revitalizar a vexetación natural; recuperar a continuidade fluvial, evitando a compartimentación e illamento das poboacións piscícolas; mellorar os hábitats fluviais; seguir e testar as especies migradoras e protexer os ámbitos fluviais de alto valor ecolóxico.

O proxecto Mil Ríos mellorará 470 quilómetros de 50 cursos fluviais galegos e a zona húmida da lagoa de Cospeito, aumentando a súa resiliencia e capacidade de resposta ante o cambio climático. Nesa liña, as primeiras actuacións estanse a realizar en 16 ríos das 4 provincias mellorando máis de 952 hectáreas ao longo de 260 quilómetros de tramos fluviais.

No caso do río Mera, segundo explicou a conselleira, a actuación conta cun orzamento de preto de 400.000 euros para restaurar a vexetación de ribeira mediante a retirada da herbácea exótica invasora Crocosmia x crocosmiiflora. Ata o de agora, lévase executado o 50 % do orzamento e xa se actuou nunha das marxes do río.

Cómpre lembrar que a nosa Comunidade conta con máis de 31.000 km de ríos, cun alto valor ecolóxico que enriquecen os valores naturais e paisaxísticos de Galicia. De feito, os corredores fluviais constitúen un dos principais reservorios de diversidade de especies silvestres de flora e fauna de Galicia.

Con esta iniciativa, a Xunta pon en valor o papel identitario das arterias naturais de Galicia, responsables de transportar nutrientes, suavizar o clima galego e vertebrar o territorio. Ademais, o impulso por esta iniciativa leva aparellada outros beneficios, como é o impulso do emprego verde e o turismo sustentable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/03/2023