Fernández-Tapias destaca o impulso do Camiño Portugués da Costa e a súa influencia como recurso turístico, cultural e patrimonial para Vigo

A delegada da Xunta en Vigo participou este martes na presentación dos resultados do proxecto de cooperación transfronteiriza “Facendo Caminho”

“O turismo na Eurorrexión viuse beneficiado por esta conexión histórica, social e cultural que dá sentido ao fenómeno xacobeo e á unión dos pobos”, sinalou

Vigo, 14 de marzo de 2023 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este martes na presentación os resultados do proxecto de cooperación transfronteiriza “Facendo Caminho”. No acto celebrado no Museo do Mar de Galicia, a representante autonómica destacou o impulso do Camiño Portugués da Costa o pasado ano e “a influencia que tivo como recurso turístico, cultural e patrimonial” para Vigo e toda a súa área metropolitana. 

“O turismo na Eurorrexión viuse beneficiado por esta conexión histórica, social e cultural, por estes valores que dan sentido ao fenómeno xacobeo e á unión dos pobos”, sinalou Fernández-Tapias durante a súa intervención. A delegada estivo acompañada pola directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; polo vicepresidente de Turismo Porto e Norte do Portugal, Inácio Ribeiro, e pola directora de Cultura do Norte de Portugal, Laura Castro. 

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal (GNP, AECT) reuniu no Museo do Mar, en pleno Camiño Portugués da Costa, a un centenar de especialistas, estudosos e persoas vinculadas cos Camiños de Santiago portugueses de peregrinación a Compostela para presentar os resultados do proxecto de cooperación transfronteiriza “Facendo Caminho”.

O proxecto foi desenvolvido conxuntamente pola GNP, AECT, a Axencia de Turismo de Galicia, Turismo do Porto e do Norte de Portugal e a Direção Regional de Cultura do Norte, para consolidar os Camiños Portugueses na nosa Eurorrexión e impulsar o seu aproveitamento sostible como recurso patrimonial, cultural, natural e económico. “Facendo Caminho” desenvolveuse dentro do programa Interreg VA – Poctep e cun custo total de 657.499,57 €, dos que 493.124,68 € proveñen dos fondos FEDER.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/03/2023