O titular de Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantiveron unha charla cos veciños da zona para abordar as características do proceso

A Xunta investirá algo máis de 1 M€ na reorganización dunhas 300 hectáreas no concello de Trasmiras mediante a parcelaria da zona de Escornabois

Este proceso, o cal beneficiará 711 propietarios, súmase aos outros cinco desenvoltos no municipio, que supuxeron unha superficie total de 4.293 hectáreas concentradas en 7.230 predios de substitución e con 5.258 propietarios beneficiados

José González lembrou que o seu departamento dedica para este ano un orzamento de 17 millóns de euros, aos que se sumarán outros 6 millóns dun Plan extraordinario que se impulsará para arranxar camiños en concentracións parcelarias

Destacou que entre os anos 2021 e o que levamos de 2023, decretáronse xa 28 novas concentracións, incluída a de hoxe, que abarcan un total de 22.881 ha e 109.949 parcelas de 16.098 titulares

Trasmiras (Ourense), 14 de marzo de 2023 

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde de Trasmiras, Emilio José Pazos, mantivo hoxe un encontro cos veciños que se verán beneficiados pola nova concentración parcelaria de Escornabois, neste concello ourensán. Así, José González destacou que se prevé reorganizar unha superficie de case 300 hectáreas, divididas en 2.632 parcelas propiedade de 711 veciños.

Neste senso, o conselleiro sinalou que para levar a cabo este proceso, o seu departamento ten previsto investir algo máis de 1 millón de euros, co fin de mellorar a estrutura territorial desta zona, xa que, ao igual que o resto de procesos decretados nos últimos anos, este novo decreto de concentración parcelaria declárase mediante a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. De feito, o municipio de Trasmiras sitúase na comarca da Limia, que destaca pola importancia do seu sector primario cunha importante implantación de explotacións gandeiras, ademais de cultivos de pataca, millo, cereal e hortícolas extensivos.

Así, José González destacou que as concentracións parcelarias son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na nosa comunidade, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. Neste senso, sinalou que neste mesmo concello desenvolvéronse un total de cinco procesos de reordenación parcelaria (Chamusiños, Trasmiras, Viladerrei, Vilar de Lebres e Zos), que supuxeron unha superficie total de 4.293 hectáreas concentradas cun resultado total de 7.230 predios de substitución e 5.258 propietarios beneficiados.

Así, o conselleiro engadiu que a Xunta seguirá decretando novos procesos na nosa Comunidade e lembrou que, desde o ano 2009, o Goberno galego destinou máis de 118 millóns de euros nos distintos procesos de concentración, sendo o orzamento previsto para 2023 de 17 millóns. Ademais, destacou que este ano o seu departamento impulsará un Plan extraordinario para arranxar camiños en concentracións parcelarias, que estará dotado con 6 millóns de euros en 2023.

Procesos decretados e rematados

Neste senso, cabe sinalar que entre o ano 2020 e o que levamos de 2023, a Xunta rematou un total de 25 concentracións parcelarias, que abarcaron unha superficie total de máis de 18.000 hectáreas, beneficiando preto de 12.500 propietarios que recibiron máis de 28.000 títulos de propiedade.

Ademais, entre 2021 e o 2023, decretáronse 28 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan un total de 22.881 ha e 109.949 parcelas de 16.098 titulares. Cabe sinalar que, con estes decretos, a Xunta cumpre o seu compromiso de decretar unha nova concentración parcelaria por cada proceso finalizado.

Desta forma, destacou o conselleiro, conséguese loitar contra o abandono das terras, anticiparse aos incendios forestais e fixar poboación no medio rural que permita facer rendible a actividade produtiva co aumento da base territorial das explotacións. En ambos casos, sinalou, o obxectivo é acadar a trintena de procesos -decretados e finalizados- no primeiro semestre deste ano.

Lei de recuperación

Dados os bos resultados das concentracións parcelarias, a Xunta seguirá impulsando estes procesos da man da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, na nova lei apóstase por mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, as aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras. Desta forma, estase a mellorar a estrutura territorial das explotacións agrogandeiras e forestais galegas, favorecendo a súa rendibilidade.

De feito, desde a entrada en vigor da Lei de recuperación -en maio de 2021- arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas voluntarias no concello de Friol, na provincia de Lugo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/03/2023