A conselleira do Mar acompañou ao alumnado da escola de Trasmonte nun obradoiro para promover o consumo de conservas de peixes e mariscos

Preto de 20.000 nenas e nenos coñeceron nos últimos dous anos os beneficios de incluír os produtos do mar na dieta coa campaña ‘Fai clic ao teu bocata’

A titular de Mar salienta a importancia de promover entre o público infantil o consumo de peixes e mariscos para favorecer unha alimentación saudable e impulsar ao mesmo tempo a demanda deste tipo de elaboracións

Esta iniciativa chegará neste curso 2022-2023 a uns 10.000 escolares de 70 centros galegos de educación infantil, primaria e secundaria con distintos obradoiros que se desenvolverán tamén en campamentos de verán e outras actividades culturais
 

Oroso (A Coruña), 14 de marzo de 2023

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe a importancia de promover entre as nenas e nenos o consumo de produtos do mar para que conten cunha dieta saudable e impulsar ao mesmo tempo a demanda dos peixes e mariscos. Fíxoo durante a súa participación nun obradoiro da campaña Fai clic ao teu bocata na escola de Trasmonte, un dos catro centros que integran o Colexio Rural Agrupado (CRA) de Oroso, onde subliñou que esta iniciativa para fomentar o consumo de conservas de produtos do mar entre o público infantil chegou desde abril de 2021 a máis de 20.000 rapazas e rapaces.

A titular de Mar incidiu en que esta acción se enmarca na campaña máis ampla da Xunta GALICIA SABE AMAR para concienciar ao conxunto da cidadanía da relevancia de ter os peixes e mariscos como alimentos básicos da dieta. Ao mesmo tempo, destacou, busca difundir a gran variedade de produtos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición dos consumidores e o grande esforzo que realizan no seu día a día para contar con esa ampla oferta.

A representante do Executivo galego detallou que a campaña Fai clic ao teu bocata ten previsto chegar neste curso 2022-2023 a preto de 10.000 escolares duns 70 centros galegos de educación infantil, primaria e secundaria. Non obstante, as actividades estenderanse máis aló do período escolar pois no verán tamén haberá obradoiros en campamentos e outras actividades culturais.

O alumnado da escola de Trasmonte -arredor de 50 nenas e nenos- puido degustar bocadillos elaborados a base de distintas conservas de peixes e mariscos ao tempo que asistiu a unha charla divulgativa sobre os beneficios do consumo de produtos do mar de xeito habitual e participou en distintos xogos co obxectivo de ampliar os seus coñecementos sobre a pesca, o marisqueo e o sector transformador de produtos pesqueiros.

 

‘Fai clic ao teu bocata’

Esta campaña botou a andar en abril do 2021 como resultado da renovación da iniciativa Ponlle as pilas ao teu bocata para adaptala aos novos tempos e a unhas xeracións máis dixitais. Esa acción anterior chegara desde 2010 a máis de 74.000 nenas e nenos e foi recoñecida pola Comisión Europea como exemplo de boas prácticas.

Fai clic ao teu bocata é unha das dúas campañas postas en marcha pola Consellería do Mar e dirixidas ao público infantil xunto a Ti si que es un bo peixe, tamén herdeira de O sabor da aventura está no mar e que ten como fin difundir de xeito ameno entre as rapazas e rapaces distintos coñecementos sobre as especies de peixes e mariscos que se capturan e comercializan en Galicia así como as súas propiedades nutricionais.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 14/03/2023