A Xunta dota dun pavillón polideportivo a Agasp para as prácticas dos efectivos das forzas e corpos de seguridade e servizos de emerxencias na súa formación

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou estes días os traballos realizados na nova pista polideportiva cuberta

Os alumnos da 15ª promoción de Policía Local que se están a formar na Academia poden usar as novas instalacións para as súas clases de Educación Física

Os equipos federados aos que a Agasp cede as súas instalacións para concentrarse tamén poderán adestrar neste pavillón

A Estrada (Pontevedra), 14 de marzo de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou estes días xunto co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, os traballos realizados na sede da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para construír un novo pavillón deportivo.

Os alumnos da 15ª promoción de Policía Local que se están a formar na Academia poden facer uso destas instalacións para as súas clases de Educación Física e tamén para realizar deporte fóra do horario lectivo. Tamén poden ser usuarios desta nova pista polideportiva cuberta os efectivos das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias que melloran a súa formación a través dos centos de cursos que cada ano a AGASP convoca no marco do seu plan de formación continua, uns 500 previstos para este 2023. De feito, hai actividades como as de intervención ou operativa policial que requiren para levarse a cabo un espazo cuberto como a nova pista polideportiva.  

Cómpre engadir que a Xunta pon á disposición das federacións deportivas galegas as instalacións da Agasp para levar a cabo as concentracións das seleccións galegas deportivas ou labores de tecnificación e seguimento de deportistas de categorías base ou de formación. Neste sentido tamén os distintos equipos federados poden adestrar na nova pista polideportiva sen ter que saír do recinto da Academia e deixar a concentración para adestrar noutras instalacións deportivas do concello.

O novo pavillón está situado a carón do edificio destinado ás prácticas de tiro e complementa as demais instalacións deportivas da Academia como o ximnasio, a piscina ou o campo de tiro. A Academia conta cun recinto pechado no que se sitúa a edificación principal, de 12.000 metros cadrados. Entre as súas instalacións destacan unha residencia, diferentes tipos de aulas, laboratorios, salas de estudo, conferencias e de xuntas, un salón de actos, unha biblioteca, áreas de esparexemento, cafetería e restaurante.

A Agasp está considerado centro de referencia estatal na formación das forzas e corpos de seguridade e dos efectivos dos servizos de emerxencias que se preparan no recinto, e as súas instalacións cumpren con todas as condicións necesarias para prestar un servizo de calidade a estes profesionais e a deportistas galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/03/2023